Medios para entenderse

XXXIX Xornada Mundial das Comunicacións Sociáis

8 de maio de 2005

 

"Os medios de Comunicación

ó servicio do entendemento entre os pobos"

 

         O vindeiro día 8 de maio celebramos na Igrexa a  XXXIX Xornada Mundial das Comunicacións Sociáis.  O lema deste ano “Os medios de comunicación, ó servicio do entendemento dos pobos” sinala unha urxente necesidade: promover a unidade da familia humana a través da utilización dos novos recursos. A persoa e a comunidade son o fin e a medida do uso dos medios de comunicación social, auténticos instrumentos para derrubar os muros da división e da enemizade no noso mundo.

 

        Con este motivo estamos a difundir o material divulgativo que preparou o Secretariado da Comisión Episcopal de Medios de Comunicación da Conferencia Episcopal. Nela inclúese a Mensaxe que o recordado Xoán Paulo II escríbíu antes da súa marcha á Casa do Pai e na que nos convida a utiliza-los medios a favor da convivencia, da solidariedade e da defensa da vida.

         

        Como homenaxe a Xoán Paulo II, o gran Papa comunicador, inclúese tamén na carpeta un exemplar da súa derradeira carta apostólica que, baixo o título “El rápido desarrollo”, adicou ós medios e na que resume o seu maxisterio sobre as comunicacións sociáis.

         

        Nesta mensaxe fala da necesidade dun diálogo constructivo para que na comunidade cristiá haxa unha opinión pública rectamente formada e capaz de discernir. O gran reto dos crentes e das persoas de boa vontade é manter unha comunicación verdadeira e libre, que contribúa a consolidar o progreso integral do mundo.

 
        Segue a dicir Xoán Paulo II que as modernas tecnoloxías fan crecer rapidamente a cantidade e o alcance das comunicacións, pero non favorecen do mesmo modo o fráxil intercambio entre mente e mente, entre corazón e corazón. Isto último é o que hoxe debe caracterizar a toda comunicación, que estará, pois,  ó servicio da solidariedade e do amor. Recórdanos ós operadores da comunicación e os crentes que traballan nas comunicacións sociais que non debemos ter medo: “Non teñades medo á oposición do mundo! Xesús asegurou ‘eu vencín ó mundo´. ¡Non teñades medo á vosa debilidade e á vosa incapacidade! O Mestre  Divino dixo: Eu estou con vós tódolos días ata o final do mundo. Comunicade a mensaxe de esperanza, de gracia e de amor a Cristo”.
 

             Adxuntamos tamén a este escrito a mensaxe dos bispos da Comisión Episcopal de Medios de Comunicación da Conferencia Episcopal Española, entre os que se atopa o noso bispo, Frei Xosé Gómez.

             Asimesmo, acompañamos un listado das actividades relacionadas coa comunicación existentes na nosa Diocese, que teñen a función de dar a coñecer a realidade da nosa Igrexa de Lugo.

 

Un saúdo, Xosé Manuel Castro Alba

   

 

ENLACES ÓS MATERIÁIS DA CAMPAÑA:

 

 

Oficina de Prensa. Bispado de Lugo. Praza de Santa María, 1. 27001 - Lugo.

Teléfono: 982 23 11 23. Tel/Fax: 982 25 15 93. E-mail: mcsbispo@planalfa.es

Web: www.diocesisdelugo.org