50 ANOS ASPNAIS (GAL)

Lo último del obispo


Queridos irmáns,
Celebramos hoxe, aquí, na nosa S. I. Catedral de Lugo, os 50 anos de existencia de Aspnais. Algúns pasariades pola “Porta da Misericordia”, o signo do Amor grande e comprensivo de Deus, que nos invitou a abrir o noso Papa Francisco.
Entrastes así na vosa casa: somos todos criaturas, a feitura do mesmo Pai, cremos no seu amor, co que quere salvarnos enviando ao seu Fillo Xesús ao mundo.
Todas as obras de Deus Pai son boas. Tamén a existencia de cada un de nós é boa. Nada hai inútil na creación divina, e de ningunha vida podes dicir que é de pouco valor. Non importamos polo que temos, senón, en primeiro lugar, por Quen nos ama: se Deus está connosco, quen contra nós? E El danos a cada un, certamente a todos, uns determinados talentos e unha misión no mundo.
Na  nosa época, de novo, corremos o risco de valorar ás persoas de modo egoísta, pola súa forza, as súas riquezas ou a súa aparencia. Pero, como nos di o Papa Francisco, non podemos aceptar unha mentalidade para a que hai persoas sen valor, que se descartan, porque non son produtivas economicamente; por exemplo, nenos, anciáns, enfermos, etc.
A vosa presenza, a vosa alegría e todo Aspnais, danos no medio do noso mundo o testemuño contrario. É coma se tivésedes a  misión de espertar as conciencias de todos ao máis importante: non podemos vivir como persoas e construír un mundo mellor esquecendo esta dignidade primeira, este valor sagrado e misterioso de cada un, que é coñecido, amado e moi importante para Deus. Tan importante como para vir ao mundo e morrer por nós.
Non hai mandamento maior que este: amar a Deus de todo corazón e ao próximo como a si mesmo. Pois ben, vós axudádesnos a comprender mellor, co exemplo, como o Pai nos encomendou os uns aos outros, de maneira que non vivamos illados e sós, senón que nos atendamos con agarimo os uns aos outros nas nosas necesidades.
O noso mundo necesita moito este exemplo que en Aspnais nos dades. É tamén parte da vosa misión. Ensinádesnos na práctica que é vivir unidos, que é a misericordia e levar os pesos os uns dos outros.
Na nosa sociedade enaltécese ás veces a lei do máis forte, pola que o débil é desprezado. É moi mal camiño para todos. Ao fin, quen non é débil, de carne e óso, vulnerable no seu corpo e na súa alma?
O voso testemuño é o de familias que souberon amar aos seus fillos, asumindo a tarefa de coidalos nas súas necesidades, e de facelo unidas, para que fose posible e moito máis eficaz. E así Aspnais converteuse nunha realidade grande, no medio da nosa cidade, que nos fala dos camiños da humanidade verdadeira.
Que Deus vos bendiga sempre, en todos os vosos desafíos, e tamén , por suposto, a Virxe dos Ollos Grandes, que nunca deixou de mirar con amor aos seus fillos.
Que nós non reduzamos nunca a vosa presenza a algo importante só para uns poucos. Significa moito para todos.
Que o voso testemuño nos leve a non desprezar a vida de ninguén, a non  impedir o nacemento de ningún neno, a saber mirar con corazón aberto as necesidades do próximo e ir ao seu encontro.
Que todos saibamos ser fillos do  noso Pai misericordioso, o Pai do noso Señor Xesucristo, que se uniu para sempre connosco, que non quixo deixarnos xa nunca, como testemuña a súa presenza real na Exposición do Santísimo Sacramento, e que nos ensina todos os días a rezar o noso Pai e a amarnos os uns aos outros como El nos amou.
 

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March