O noso Bispo, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco, presidiu a vixilia da Inmaculada Concepción celebrada na parroquia de Chantada e organizada pola delegación episcopal de Laicos, Familia e Vida.
A igrexa parroquial de Santa Mariña de Chantada (Lugo) acolleu onte, 7 de decembro, a tradicional Vixilia da Inmaculada que organiza a delegación episcopal de Laicos, Familia e Vida. A celebración, presidida polo noso Bispo, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco, comezou ás 18:30 na igrexa parroquial cunha ofrenda floral á Virxe María. Cinco ramos de flores presentados por outros tantos matrimonios como signo das súas pregarias polas "familias que acoden en axuda doutras familias, para que descubran o valor da entrega e do servizo incondicional os que viven as dificultades cotiás con gran pesar"; polas "que deben acoller e brindar a hospitalidade necesaria que os migrantes e desprazados precisan"; polas familias que "sofren na súa convivencia, na enfermidade ou na desesperanza; polos nenos e mozos "para que na familia sexan educados na liberdade, na fe e no amor"; e polos maiores, "que transmitiron a a vida e a fe" no seo das súas familias.
A Santa Misa, que encheu de fieis a igrexa de Chantada, estivo presidida polo Bispo. Reproducimos, polo seu interese, a súa homilía:
"Celebramos hoxe a Inmaculada Concepción de María. Os cristiáns celebramos sempre o nacemento para o Ceo dos santos pero só de dúas persoas se celebra tamén o día da súa concepción, ademais do nacemento: de Noso Señor Xesucristo e da Virxe María. Dentro de 9 meses, o 8 de setembro, celebraremos, e nestas terras dun xeito singular, a Natividade da Virxe María. Hoxe, a súa concepción.
Inmaculada Concepción quere dicir que cando María comezou a existir no seo da súa nai, Ana, fíxoo cunha grande bendición, recibiu unha graza moi grande para estar libre de calquera mancha, para non quedar tocada nin polo pecado orixinal. Isto quere dicir que Deus pensou nela antes de ser concibida e xa tiña pensada unha bendición especial para ela. E é que ningún ser humano ven a este mundo sen que Deus o teña pensado dende sempre. Polo tanto, somos fillos de nosa nai e de noso pai pero tamén Daquel que quixo que existiramos antes de sermos nada. Así, María é luz para todos nós: o Pai Eterno tíñanos pensado como pensou na Virxe María. Hai, polo tanto, un amor moi grande dende sempre. Cando miremos á Virxe María pensemos: "Ela foi concibida porque Deus pensou nela cun amor inmenso; e así tamén en nós, esteamos onde esteamos". Existimos porque o Pai nos quixo e nos quere.
Outra cousa que nos ensina esta festa é que María foi destinada dende o principio a ser unha persoa sen pecado, sen arruga, sen dobrez, sen mentira, sen soberbia, sen mala intención, sen ningún pecado no corazón. Que fermosa! Como seriamos nós sen pecado algún? Como sería o noso mundo? María indícanos como é a vida sen mal algún porque ela era libre e, vivindo en circunstancias moi complicadas, sempre venceu. É a vencedora nunca vencida porque estaba chea de graza e confiou en Deus. Ao igual ca Ela, o ser humano está destinado a vencer o mal.
Un pode pensar que o mal é máis forte ca Deus pero non, en María comprobamos que se pode vencer. Ela venceu porque sempre fixo caso a Deus. E logo nós, coa axuda que precisamos, non podemos vencer? Parece que o pecado nos vence pero nesta Nai vemos que non, que é posible, con Ela, vencer tamén. Temos que sabelo; o Mal fai esta loita con nós facéndonos crer que nunca o poderemos vencer pero é un engano. Se non estamos sós, se contamos con Noso Señor e coa Virxe María, non seremos vencidos. É falso pensar que o ser humano non pode facer outra cousa máis que caer e pecar. Non son bos os que amargan así a vida, afirmando que toda persoa, en tal ou cal circunstancia, pecaría.
Volvamos cara María porque o que volve cara ela, saca o ben, nunca froitos amargos. Ao final, todos sabemos, que ao carón dunha nai podemos esperar o mellor. A Virxe María ilumina ás familias que son sempre unha compañía boa. Alí onde recibimos cousas boas, é a onde temos que ir. Vaiamos a María porque a vida será iluminada. Ela, como luz, invítanos a todos a vivir como unha grande familia; afirma a bondade da existencia de cada un de nós; lembra que todo ben de Deus e non debemos ter medo. Que María nos quite o medo de afrontar as cousas todas da vida, que nos dea a certeza de que Deus é o noso Pai, que nos dea a súa compañía para guiarnos no camiño."
A Eucaristía, na que participou o coro parroquial, foi concelebrada por unha ducia de cregos que serven en parroquias da zona, ademais do párroco de Chantada, don Manuel Areán, o vicario parroquial, don Alejandro Asorey, o delegado episcopal de Laicos, Familia e Vida, don Nicolás Susena, e o canciller secretario do Bispado de Lugo, don José Manuel Penela.
A choiva impediu ter a procesión coa imaxe da Virxe dende a igrexa antiga ata a igrexa nova prevista como inicio do acto.