Desde os inicios mesmos da fe cristiá, percibiron os crentes o esplendor da presenza daquel que viñera ao mundo nacendo do seo da Virxe María, concibido por obra do Espírito Santo. Amárona e defendérona contra as obxeccións e as especulacións de poderosos e intelectuais que, aínda que cristiáns, pensaban segundo a sabedoría do mundo da súa época, sometían a fe ao que lles parecían esixencias irrenunciables da gran filosofía grega.
Pero a fe sinxela soubo sempre salvagardar, na gran crise ariana, o máis esencial: en Xesús é Deus mesmo, é o Fillo de Deus quen nos amou, fíxose o noso igual e deu a súa vida na cruz para salvarnos. Máis tarde, en contexto diverso, proporá de novo San Agostiño esta intelixencia da fe dicindo: este é o horrible e oculto veleno do voso erro, que pretendedes facer consistir a graza de Cristo no seu exemplo, e non no don da súa Persoa.
O don da súa Persoa é a perla preciosa, a sabedoría agochada desde o principio dos séculos en Deus e revelada agora para a nosa gloria. En Xesús están encerrados todos os tesouros: a gratuidade, o amor, o sacrificio, a comuñón, as arras da vida eterna. Coa súa Presenza véñennos todos os dons; pois El que non reservou ao seu propio Fillo, senón que o entregou por todos nós, como non nos dará todo con El?.
Esta fe esencial, revelada polo Pai aos pequenos e agochada aos sabios e entendidos, permanecerá sempre na historia e será sempre defendida polos fieis. Isto é verdade de forma particular en Lugo, onde, desde que conservamos memoria, o ímpeto do corazón busca defender quen é Xesús e o misterio inmenso do don da súa Persoa. A nosa Catedral Basílica, por providencia divina, é como un monumento a esta fe sinxela, que só sabe abandonarse e que só quere adorar ao Deus que é o "Amor dos Amores", a Xesús Sacramentado.
O esplendor da presenza de Cristo brilla sobre o rostro dos crentes: Todos nós, coa cara descuberta, reflectimos a gloria do Señor e imos transformándonos na súa imaxe con resplandor crecente. É unha luz de fe e de esperanza, un manancial inesgotable de gratuidade, de capacidade, de sacrificio, de amor ao próximo, de caridade que non pasa nunca. Na súa Presenza, somos, en verdade e para sempre.
Por iso, a nosa fe ve na humildade escondida do sacramento da Eucaristía a sabedoría e o amor máis grande, o ben máis sacro, o corazón mesmo do mundo. É certamente unha Presenza escondida, pero aberta a quen saiba valorar este Amor máis que todas as riquezas do mundo, e descubrir ao mesmo tempo con estupor que tamén a nosa persoa vale para El máis que todas as riquezas e merece todos os sacrificios.
A fe verdadeira, que percibe o esplendor profundo desta Presenza imprescindible, buscou sempre expresar o propio amor no modo de acoller este misterio e de facelo manifesto. Ofrecéndolle o máis precioso que temos, facemos un xesto pequeno de recoñecemento e de acción de grazas a Xesús Sacramentado, a quen só se pode responder axeitadamente co amor e a entrega de todo o corazón.
Sabemos que a nosa arte, nos seus mellores logros e nos seus materiais máis valiosos, non pode realmente expresar o esplendor da súa Presenza. Pero non podemos deixar de manifestar o afecto profundo da nosa fe, aínda que os nosos medios non se adecúen á grandeza do seu don e da súa Persoa. Correspóndense, en cambio, coa nosa pequenez, co noso modo de ser e a nosa sensibilidade.
Así pois, co máis belo da nosa arte, con toda a alma, damos grazas ao Deus feito home; e procuramos facer visible aos nosos propios ollos o esplendor da súa Presenza, para gardar memoria viva del, de Xesús o noso Señor, de xeito que a luz da súa gloria permaneza e brille sempre nos nosos corazóns.
Na festa maior de todas, na que celebramos a nosa vitoria definitiva e o Amor sen medida que sostén a nosa vida, na celebración da Eucaristía, usamos as nosas mellores galas e coidamos todos os detalles. E na adoración eucarística, na beleza das nosas custodias, contemplamos e expresamos o esplendor da beleza do Señor, o don real da súa Persoa, fundamento de toda a nosa esperanza.
De todo iso quere ser un eco vivo esta exposición e ao mesmo tempo unha invitación: hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur.
Que a nosa Diocese de Lugo, a Diocese do Sacramento, e a súa Catedral poidan conservar para sempre, por providencia divina, o privilexio inmenso de enraizar a súa identidade e a súa historia no Misterio da fe, escondido desde antes dos séculos e revelado polo Pai aos sinxelos.
E que tamén a nós poida dicirnos o Señor: Benaventurados os ollos que ven o que vós vedes! Porque vos digo que moitos profetas e reis quixeron ver o que vós vedes, e non o viron; e ouvir o que vós ouvides e non o ouviron.
Esta será a nosa maior honra ante os homes, e a nosa alegría ante o Señor.
+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo