TAMÉN EN TEMPOS DE PANDEMIA, MANS UNIDAS


Queridos irmáns,
As circunstancias que atravesamos, determinadas pola pandemia, están a facernos vivir o acentuarse da “distancia social”, a diminución grande das posibilidades de encontro. As nosas autoridades insisten na prioridade de quedarse na casa, de saír o menos posible, de cubrirse coa máscara.
E, con todo, sabemos que non podemos nin debemos quedarnos sós, que a nosa esperanza está na presenza do Señor, na súa promesa de vida, testemuñada pola fe e a caridade dos irmáns, pola proximidade material e espiritual das nosas comunidades parroquiais, da Igrexa. Nestas circunstancias difíciles, na tentación do illamento, somos e loitamos por vivir como Pobo de Deus, certos do horizonte bo da vida e da lei da caridade que nos guía no presente.
Que importante é afirmar esta unidade, experimentar esta proximidade en tempos de distancia, cando ameaza a soidade ou a inquietude polo futuro! Gardemos as normativas sanitarias, por responsabilidade e por caridade; pero vivamos como Igrexa, participemos na Eucaristía, apoiémonos na oración, esteamos atentos ás necesidades os uns dos outros.
“Sempre xuntos” foi lema noso durante a pandemia; hoxe quixera insistir nesas “mans unidas”. Pois o noso estar xuntos ha de ser real aquí, nos nosos pobos e lugares; pero, se é verdadeiro, non ten fronteiras, non exclúe a ninguén. Isto quere lembrarnos de novo “Mans unidas”, seguindo a ensinanza explícita do noso Papa Francisco.
A pandemia ensínanos que responsabilidade temos todos, os uns para cos outros, como estamos realmente xuntos na mesma barca. Dínolo sempre a caridade, desde a súa raíz mesma: Cristo morreu por todos, é o Cordeiro que quita o pecado do mundo. Estas son as dimensións da súa caridade, da que participamos cada un.
A chamada de “Mans unidas” é hoxe unha chamada á verdade da nosa caridade, que non debe poñerse límites, que fai propias as necesidades do irmán, segundo as propias posibilidades. En moitos pobos e terras as urxencias da Covid-19 sumáronse ás pobrezas xa existentes: de alimento, de auga potable, de medios sanitarios, de atención e respecto polos dereitos máis elementais. E a nosa crise económica fai sentir os seus efectos multiplicados entre os máis pobres.
Que a petición de axuda de “Mans unidas”, como nunha campaña de emerxencia, sexa un impulso, un enriquecemento da nosa caridade; e avive a nosa memoria da fe que temos posta no Señor para nós mesmos, a esperanza que tanto necesitamos para vivir tamén aquí as actuais circunstancias.
Axudemos na medida do posible. Se permanecemos así “sempre xuntos”, camiñando na fe e na caridade, faremos presente a axuda máis imprescindible, agora e no futuro, aquí na nosa terra e no resto do mundo: ao Pobo do Deus vivo, “xerme segurísimo de unidade, de esperanza e de salvación para todo o xénero humano” ( LG9).

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo