HOMILIÍA DOMINGO DE RAMOS (GAL)

Lo último del obispo


Queridos irmáns:
Non queriamos que nestas circunstancias tan extraordinarias que vivimos nos faltase a celebración do Domingo de Ramos, nos faltase volver escoitar estas palabras da Paixón do noso Señor Xesucristo e revivir e sentir como propio o gran drama, entón sucedido: a memoria do noso Señor, o camiño que El fixo e como salvou aos homes entregándose a si mesmo á morte. Contemplamos nas lecturas todo o que imos celebrar na Semana Santa. Cada ano vivímolo con gran solemnidade, non só na liturxia senón tamén nas nosas expresións de devoción, de penitencia e de relixiosidade popular, coas procesións organizadas polas confrarías… pero, sobre todo, coa oración e coa meditación dos misterios. Hoxe escoitamos describir toda a Paixón. Ao longo da semana teremos ocasión de pensar no que oímos. Hoxe lembremos unha cousa: a escena pode ser un resumo do destino dos homes, da historia humana. Cantas veces sucedería algo semellante? Cantas veces os homes tivemos que enfrontarnos a un destino doloroso? En cantos países, en cantos lugares, todas as xeracións viviron este misterio. É verdade que, por unha banda, sempre participamos do orgullo e da soberbia dos que acusaban e condenaban a Xesús, confiando só no seu propio poder; eses que desprezaban a vida dun inocente, que desprezaban a verdade das súas palabras, que sabían non escoitar e facer de pedra o corazón evitando deixarse tocar. Esta actitude atravesa os séculos e chega ata nós: é o pecado. O pecado da soberbia, de afirmar que non imos escoitar nin a nada nin a ninguén, que faremos o que nós queiramos, porque iso é o único que importa e que, en canto teñamos forza e organización, impoñerémolo. Isto atravesa os séculos como un soño, como unha ilusión inmensa, como unha vaidade enorme que sempre arrastrou aos homes. Pero é un inmenso soño, porque ese poder, en boa medida, é irreal: Nós poderemos facer moitas cousas, pero a afirmación «a miña vontade é o que conta e eu non escoito nin a nada nin a ninguén, porque eu son o que goberna e eu determino as cousas» é unha ilusión e unha falsidade profunda. Doutra banda, vemos a realidade dun corazón vivo, pleno; a realidade dun home que cumpre a súa misión, dunha persoa en verdade. Pero, con todo, a experiencia do rexeitamento, da incomprensión, da amargura, da crueldade, da morte podería parecer que dá a razón a quen o condenou. De feito, estes xa rían del e dicían: «A outros salvou, e el non se pode salvar. Non é o rei de Israel? Que baixe agora da cruz, e crerémoslle. Non confiou en Deus? Se tanto o quere Deus, que o libre agora». Ou, o que é o mesmo, «que se vexa se o poder de Deus existe ou, ao contrario, somos nós os que temos o poder. Debería confiar en Deus ou obedecernos a nós, que temos os azoutes, as cruces e os soldados e mandamos? Quen ten que guiar de verdade a vida? El di que é Fillo de Deus, pero fóralle mellor ser súbdito noso». No fondo eles están a dicir isto. Hoxe segue sendo así. Ti dis que tes conciencia, que hai que amar ao próximo, que non podes facer isto ou aquilo porque é un dano profundo á vida e aos dereitos doutra persoa, que deberiamos vivir doutra maneira, que tal sería a verdade e o ben. En cambio escoitas, dunha ou outra forma, «máis che valería dicir o que nós dicimos, porque así che iría mellor». Así segue sendo ata hoxe.
A lectura da Paixón interpélanos a todos, porque todos estamos, un pouco, da parte do pecador; o único verdadeiramente santo é Xesús. Nós sentímonos da súa parte, porque somos persoas e temos un corazón sensible que ten anhelos, que sabe sufrir, que desexa vivir; pero á hora de actuar, pronto o esquecemos e dicimos: «nós poñémonos de parte de quen teña o diñeiro, o poder, a forza. Deus dinos: amarás ao próximo como a ti mesmo? Bueno, xa veremos, entre tanto faremos outra cousa». Esta tentación témola todos; por iso debemos deixarnos interpelar e preguntarnos: «O que fixo o Señor era acertado ou equivocado? El tiña razón ou non a tiña? O drama da vida resólvese así, ou é mellor apoiarnos todo o que podamos nas riquezas porque ao final todo se acaba e xa non hai máis? Ou o drama da vida é en verdade outra cousa?» O Señor morre confiado en Deus. Confía en Deus incluso morrendo, incluso entregando a vida. El confía sempre no seu Pai e non o nega, senón que o reafirma ata o final. É coma se estivese a dicir «Eu aos homes quereríaos salvar, explicarlles o camiño da vida e do amor, pero agrédenme e rexéitanme; en cambio, Deus é de fiar». Xesús tiña razón ou non? Si, tiña razón. Por iso dicía no salmo: «Dareiche grazas ante os pobos porque me escoitaches». Deus escoitábao. O Pai deixouno ir ata o final porque era El, o seu Fillo. Deixoulle levar o peso de todos os pecados dos homes, porque era El e podía; ningún máis podería. Deixoulle chegar ata a morte, para que puidese, El (nós non poderiamos), botar abaixo as portas da morte. E escoitouno. Esta é a noticia que nós temos que saber hoxe: O Señor Xesús está connosco, si que nos vai a defender, si que nos escoita e si que responde. A vida do ser humano si ten un sentido, un valor, un destino. Non é certo que haxa que gastala pasándoo agora o mellor que se poida, apoiándose en quen ten o poder. Podemos vivir con toda verdade seguindo a lei que o Señor nos dá de amar a Deus e ao próximo. E nestes días é o que debemos facer: saber que ata o final El estará connosco, que responderá, que non nos abandona nin nos abandonará. E ter esa esperanza certa, pase o que pase. E así manifestala en todo o contrario da mentira, da crueldade, do abandono do irmán, do desprezo, en todo o contrario do pecado. Manifestala no amor ao próximo, no estar ao seu lado, no sacrificarse polos demais. Démoslle grazas a Deus que nos desvelou o noso destino e tamén a dignidade da vida que vivimos. Démoslle grazas porque nos ensina a amar ao próximo. Démoslle grazas por todas as persoas que o fan. E pidámoslle que nos sosteña para que no noso corazón a dúbida non sexa nunca máis forte que esta certeza de que debemos coidar, valorar e respectar sempre ao próximo; e sempre cheos de esperanza.

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March