SOMOS UNHA GRAN FAMILIA CONTIGO
Día da Igrexa diocesana 2018
Queridos irmáns,
Celebramos un ano máis o día da Igrexa diocesana. O lema escollido convídanos a dirixir a mirada aos lugares e as persoas concretas coas que vivimos a nosa fe. En efecto, do mesmo xeito que ningún existimos sen as nosas circunstancias, sen enraizamento e vinculación a unha familia concreta, así tampouco existimos como fillos de Deus sen unhas persoas e unha historia particular.
Non seriamos cristiáns sen ser bautizados un día, rodeados dos nosos seres queridos e co noso párroco; nin viviriamos como tales sen participar concretamente nos sacramentos e sen a compañía cotiá de moitos fieis ao noso lado.
Se a Igrexa non fose accesible a nós nun lugar, en comunidades e parroquias, o noso ser cristián sería abstracto. Pero, por providencia divina, a “familia eclesial” faise presente para cada un na súa Igrexa diocesana, na que recibe e pon en práctica a fe e o amor verdadeiros, que son universais, pero tamén moi concretos, como experimenta o cristián nas súas relacións máis cotiás: amamos ao próximo cunha “caridade” que vén de Deus mesmo; pero sen este amor concreto ao próximo que vemos e tocamos, non podemos falar do amor de Deus, a quen non vemos (1Xn 4,20).
Así pois, pertencendo a unha parroquia e a unha Diocese determinada, estamos na Igrexa católica, estendida por toda a terra. Pero sen a nosa familia eclesial concreta, afastámonos da gran unidade da Igrexa universal e debilítase a vivencia da fe.
Non desprecemos nunca a nosa historia particular, a nosa parroquia, a nosa Diocese. Nela e por medio dela ofrécensenos os valores e a sabedoría maiores, o amor máis verdadeiro e a vida sen límites. Porque o máis grande de todos, o Deus eterno, quixo demostrar o seu poder facéndose noso igual, habitando entre nós, para salvar e encher de ben e de vida aos que somos pequenos, e temos incluso o corazón estreito e endurecido.
Coidemos esta familia diocesana como un gran tesouro, aos nosos irmáns e irmás, aos nosos sacerdotes, ás persoas de vida consagrada, os templos, as tarefas e as iniciativas comúns; porque nesta familia, na súa humildade, están encerradas as riquezas máis decisivas da vida.
Non nos espanten ou escandalicen os seus límites, saibamos ver o tesouro do Evanxeo, a plenitude de graza e de verdade, que a Igrexa fai presente no medio das nosas casas. Non valoremos só a beleza e a limpeza dos nosos edificios, aínda que niso se manifeste o interese e o agarimo, senón sobre todo a presenza do Señor Xesús, a promesa de vida, a esperanza que brota ao estar na súa compañía, ao ou quedar sos, senón ser membros da súa familia.
Aceptemos vivir como irmáns, seguindo os ensinos de Cristo; axudémonos no camiño de cada día, ofrezamos a nosa man nas dificultades, acompañémonos nos momentos de dor e de soidade.
Aprendamos a ver en cada persoa a dignidade de alguén amado por Deus, fagamos propia a caridade do Señor Xesús, que non veu buscar a sans e xustos, senón a enfermos e pecadores, e que El alimenta no corazón dos seus, de quen permanece ao seu lado, de modo especial cando é recibido na Eucaristía.
Con este amor universal, que non coñece límites, que ten entrañas de misericordia, daremos a proba mellor de cal é a “familia” á que pertencemos, de quen é o noso Pai, o noso Mestre e o noso Señor.
+ Alfonso Carrasco Rouco, Obispo de Lugo