Queridos irmáns,
Celebramos hoxe, aquí, na nosa S. I. Catedral de Lugo, os 50 anos de existencia de Aspnais. Algúns pasariades pola “Porta da Misericordia”, o signo do Amor grande e comprensivo de Deus, que nos invitou a abrir o noso Papa Francisco.
Entrastes así na vosa casa: somos todos criaturas, a feitura do mesmo Pai, cremos no seu amor, co que quere salvarnos enviando ao seu Fillo Xesús ao mundo.
Todas as obras de Deus Pai son boas. Tamén a existencia de cada un de nós é boa. Nada hai inútil na creación divina, e de ningunha vida podes dicir que é de pouco valor. Non importamos polo que temos, senón, en primeiro lugar, por Quen nos ama: se Deus está connosco, quen contra nós? E El danos a cada un, certamente a todos, uns determinados talentos e unha misión no mundo.
Na nosa época, de novo, corremos o risco de valorar ás persoas de modo egoísta, pola súa forza, as súas riquezas ou a súa aparencia. Pero, como nos di o Papa Francisco, non podemos aceptar unha mentalidade para a que hai persoas sen valor, que se descartan, porque non son produtivas economicamente; por exemplo, nenos, anciáns, enfermos, etc.
A vosa presenza, a vosa alegría e todo Aspnais, danos no medio do noso mundo o testemuño contrario. É coma se tivésedes a misión de espertar as conciencias de todos ao máis importante: non podemos vivir como persoas e construír un mundo mellor esquecendo esta dignidade primeira, este valor sagrado e misterioso de cada un, que é coñecido, amado e moi importante para Deus. Tan importante como para vir ao mundo e morrer por nós.
Non hai mandamento maior que este: amar a Deus de todo corazón e ao próximo como a si mesmo. Pois ben, vós axudádesnos a comprender mellor, co exemplo, como o Pai nos encomendou os uns aos outros, de maneira que non vivamos illados e sós, senón que nos atendamos con agarimo os uns aos outros nas nosas necesidades.
O noso mundo necesita moito este exemplo que en Aspnais nos dades. É tamén parte da vosa misión. Ensinádesnos na práctica que é vivir unidos, que é a misericordia e levar os pesos os uns dos outros.
Na nosa sociedade enaltécese ás veces a lei do máis forte, pola que o débil é desprezado. É moi mal camiño para todos. Ao fin, quen non é débil, de carne e óso, vulnerable no seu corpo e na súa alma?
O voso testemuño é o de familias que souberon amar aos seus fillos, asumindo a tarefa de coidalos nas súas necesidades, e de facelo unidas, para que fose posible e moito máis eficaz. E así Aspnais converteuse nunha realidade grande, no medio da nosa cidade, que nos fala dos camiños da humanidade verdadeira.
Que Deus vos bendiga sempre, en todos os vosos desafíos, e tamén , por suposto, a Virxe dos Ollos Grandes, que nunca deixou de mirar con amor aos seus fillos.
Que nós non reduzamos nunca a vosa presenza a algo importante só para uns poucos. Significa moito para todos.
Que o voso testemuño nos leve a non desprezar a vida de ninguén, a non impedir o nacemento de ningún neno, a saber mirar con corazón aberto as necesidades do próximo e ir ao seu encontro.
Que todos saibamos ser fillos do noso Pai misericordioso, o Pai do noso Señor Xesucristo, que se uniu para sempre connosco, que non quixo deixarnos xa nunca, como testemuña a súa presenza real na Exposición do Santísimo Sacramento, e que nos ensina todos os días a rezar o noso Pai e a amarnos os uns aos outros como El nos amou.
+ Alfonso Carrasco Rouco, Obispo de Lugo