OFRENDA Á VIRXE DOS REMEDIOS (GAL)

Lo último del obispo


Moitas grazas, Señor oferente, Ilustrísimo Sr. Alcalde do Concello de Viveiro, pola súa presenza e as súas palabras, coas que continúa esta gran tradición da Ofrenda á Virxe dos Remedios, expresión profunda do ser da nosa terra. Saúdo igualmente ao Excelentísimo Sr. Bispo de Mondoñedo, aos sacerdotes concelebrantes, ás autoridades aquí presentes e a todos vos irmás e irmáns no Señor.
A Santa Virxe María, Nai e Señora nosa, é símbolo sublime da nosa cultura e do noso pobo. Non só como nai que fai posible o fogar, ao que sempre ha de volver o home, que non pode vivir só e sen cariño profundo; Ela non é só representación excelsa das nosas nais, símbolo das nosas familias e casas. Acudimos á Virxe María como Nai de todos nós de modo singular, confiados na grandeza do seu amor entrañable, capaz de comprender con misericordia, pedindo a súa intersección como Nai de Deus, como Aquela de nós que está mais preto, que é máis querida, que é sempre escoitada por Deus.
Precisamente así a Virxe María é signo da nosa cultura, dos fundamentos da nosa vida e da nosa esperanza. Porque os nosos pais e nós, no medio de límites e pecados, construímos sobre a rocha firme de Xesús, o Fillo de Deus feito home, que con amor invencible derrotou o mal e a morte, que converteu en presenza forte e consoladora aos seus e, en primeiro lugar e sobre todo, a súa Nai a Virxe María.
Á luz do Señor, do seu amor, da súa vitoria e do seu Evanxeo, acompañados pola súa Nai, na que o mal non conseguiu parte nin vitoria ningunha, camiñaron os nosos pais e edificaron casas e pobos, toda a nosa terra.
Sempre viñemos aos pés da Virxe con esperanza, ante toda dificultade ou dor profunda, en cada festa -máis bela na súa presenza-, e con esperanza invocámola ante a mesma morte, confiados en resultar vencedores tamén nós.
Este Espírito do Señor, esta fe e este alento, énos necesario tamén hoxe e pedímolo un ano máis á Virxe dos Remedios.
O desafío da crise, que o señor oferente tan elocuentemente soubo presentar hoxe aquí a Santa María e que está a golpear a nosa sociedade e as nosas vidas, preocúpanos profundamente.
A crise ten as súas raíces sen dúbida nas accións dos homes, nas súas actitudes profundas, no que chamamos a súa moralidade. Efectivamente a persoa desoriéntase coma nun labirinto cada vez máis difícil de resolver, cando perde os criterios fundamentais na construción da vida. Sucede entón o que o señor oferente describiu: abusos dos máis débiles, seguir sen poñelos intereses económicos ao servizo do home, idolatrar o material coma se nada máis houbese e o sufrimento dos demais non importase, multitude de inxustizas, contra as que é necesario loitar.
Hoxe pedimos á Virxe María por todas as nosas necesidades, pero en primeiro lugar por esta: que tamén a nosa xeración, nós, saibamos construír mirando o mundo con fe e á nosa propia vida con esperanza e amor. Que edifiquemos así en primeiro lugar as nosas familias, que non permitamos que o seu fundamento sexa o egoísmo, a ausencia dun amor definitivo no matrimonio, a negación da vida e da loita polos nosos fillos. E que poidamos cumprir o mandamento do Señor: amar os demais como a nós mesmos, amalo como sabemos -e alegrámonos- que somos amados polo Señor, como celebramos en cada Eucaristía e hoxe aquí.
E que, amando os demais tamén a nosa xeración saiba loitar pola verdade e a xustiza; non acepte a mentira, non se cegue no relativismo que desespera de chegar a saber a verdade nas cousas dos homes. Que saibamos facer os sacrificios necesarios, para optar pola xustiza por diante dos nosos egoísmos persoais.
Só así a esperanza iluminará tamén o camiño das nosas vidas, habitará nos nosos fogares. A Virxe María é Virxe da Esperanza, estrela luminosa da mañá, que nos fala de ceos novos e de nova terra, na que habitará a xustiza, na que resplandecerá a nosa humanidade.
Que Ela habite sempre nas nosas casas e interceda por nós. Así permaneceremos preto do seu Fillo e, sexan cales sexan as circunstancias do noso tempo, construiremos a nosa vida xa agora á luz da esperanza e do amor, seremos no medio do mundo principio  de solidariedade, de xustiza e de paz.
Que a Virxe dos Remedios sexa hoxe e sempre o noso amparo,  que protexa as seis poboacións que fan esta ofrenda, particularmente a Viveiro, e a toda a Igrexa diocesana mindoniense. E que Ela nos alcance a todos as bendicións de Deus o noso Pai.

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March