CARTA PASTORAL CORPUS CHRISTI 2010 GAL


Benqueridos irmáns,

O próximo domingo, 6 de xuño, a Igrexa invítanos a celebrar de novo a gran festividade do Corpus Christi. Neste día facemos memoria solemne de Xesús, o Señor, que entregou o seu Corpo e o seu Sangue na Cruz para a nosa salvación e que se nos deu en alimento, sen merecemento algún pola nosa parte. Diante deste misterio da fe, resoará de novo, de modo especial, a alegría que cantaba o pregón pascual: ¡oh feliz culpa que nos mereceu tal redentor!
Noso Señor quixo que esta doazón do seu Corpo e do seu Sangue seguise sendo realidade permanente no sacramento da Eucaristía, de forma que ningún de nós viva so e sen esperanza no mundo, senón unidos en comuñón con El, ata chegar a nosa verdadeira plenitude en Deus. 
Cristo quédase connosco para incorporarnos a El, para que formemos con El o seu Corpo Místico, a Igrexa, chamada a ser sacramento de salvación para a humanidade. Participamos así da súa misión, sendo testemuñas vivas da súa obra de misericordia e de rexeneración da humanidade; porque o Señor quere mostrar en nós, a pesar das nosas feblezas, a grandeza da súa salvación, capaz de rescatar a todos e a cada un.
Nesta ano Cáritas propónnos a todos como lema: “Se non che convence ESTA SOCIEDADE MERCANTIL, ofrece sen pedir nada a cambio”, dentro da campaña permanente en torno a: “Unha sociedade con valores é unha sociedade con futuro”. 
De feito, o futuro da nosa sociedade –das nosas vidas– depende de que é o que amamos máis, de onde poñemos os nosos afectos principais, de chegar a saber apreciar a verdade, o sacrificio e a gratuidade. Menos non é digno do home nin construiría unha convivencia xusta.
Nós, diante do santísimo sacramento da Eucaristía, comprendemos que a gratuidade radical de Aquel que nos amou fai posible a nosa vida. Descubrimos así que propio do home é ser construido e construir con amor e gratuidade. Que así florece a nosa dignidade e a capacidade de traballar facendo o ben día a día, sen renderse ante as dificultades. E aprendemos tamén nós o que é amar, dar  sen pedir nada a cambio.
Por iso sabemos tamén que o puro ser “mercantil” non pode definir o noso mundo e a sociedade en que vivimos, nin se pode construir unha vida buscando o lucro por enriba de todo. É máis, vemos hoxe que a economía mesma non pode sobrevivir sen unhas relacións humanas mínimamente verdadeiras, sen homes dignos de confianza.
Aínda que ao noso arredor vexamos frecuentemente entronizado o consumismo ou intereses egoístas de calquera tipo, e menosprezadas as persoas, nós temos que gardar no corazón a nosa fe, a ledicia polo amor do Señor presente na Eucaristía, e procurar seguir o seu mandamento novo con xenerosidade.
A nosa forma persoal de vida xorde de estar en comuñón con Xesús. Alimentarnos co Pan vivo baixado do ceo faranos sempre medrar na nosa nova condición de fillos de Deus e na conciencia da dignidade do noso próximo, e levaranos a amalo con gratuidade, para construir a nosa sociedade coma unha verdadeira familia de irmáns que teñen un mesmo Pai.
 Que a presenza pacífica e luminosa na santísima Eucaristía do noso Señor, que adoramos nas diversas procesións neste día, nos dea a todos alento novo no noso camiñar e faga frutificar xenerosos proxectos de doazón en favor da sociedade e de todos os necesitados. Que o alimento do Corpo de Cristo nos sosteña nas dificultades, nos sufrimentos e enfermidades, e diante da morte mesma sexa para nós viático de vida eterna.
E que Deus bendiga nesta grande festa as nosas familias, parroquias e cidades, e nos conceda a todos a alegría dunha unidade verdadeira na fe e no amor.

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo