O 9 de xuño, Día Mundial dos Arquivos, o director do Arquivo Diocesano, Óscar González Murado, dirixiu no Corgo un curso de iniciación a lectura de documentos antigos. A sesión celebrouse na Biblioteca do Punto de Atención á Lectura.
Nesta xornada, organizada polo Concello do Corgo, en colaboración co Arquivo Diocesano de Lugo, impartiuse unha primeira achega teórica á paleografía e diplomática antiga, para aprender a interpretar a linguaxe administrativa e recoñecer os diferentes tipos de letra e as abreviaturas máis frecuentes. Posteriormente, e a través de varios exemplos prácticos, explicouse o xeito óptimo de descifrar as vellas escrituras.
O obxectivo do curso foi, segundo explicaron os responsables municipais, "desempoar eses vellos papeis dunha maneira sinxela, dando as claves para poder lelos e comprendelos. Trátase de introducir aos interesados nese mundo da escrita e aprender a valorar o que se agocha nas artesas e nos caixóns das nosas casas."