Na mañá deste pasado sábado, 5 de novembro, monseñor Alfonso Carrasco presidiu, no centro interparroquial de Santo Estevo de Calvor de Sarria (Lugo) a Eucaristía na que foron confirmados dez mozos. Na homilía, o Prelado lembrou que "celebramos a Confirmación e participamos do Espírito coma familia, unidos como irmáns, como membros do pobo de Xesús." Ademáis sinalou que "o Espírito Santo é a gran fonte de vida e, por El, nós tamén podemos ser unha fonte de vida, de xustiza e de paz". O Bispo afirmou que "a Deus impórtalle quen somos, impórtalle o que levamos no corazón, se somos grandes e felices ou se estragamos o camiño, se construímos xustiza ou corrompemos". Don Alfonso rematou a súa reflexión agradecendo ao párroco, don Leopoldo, a súa labor: "temos que dar grazas ao voso párroco, don Leo, que foi e é unha presenza boa, fai ben, ensina e acompaña".