Nos observatorios e centros de interpretación dos que teño a sorte de poder gozar na cidade e a diocese de Lugo, quero deixar constancia do meu persoal testemuño sobre Benedito XVI, antes de que transcorra demasiado tempo, tras o seu falecemento no amencer do 31 de decembro.
Chamoume a atención, (e escribín sobre iso en Lvcensia, nº 34), a súa sinxela carta de presentación en abril de 2005 desde a loxia central da Basílica de San Pedro, cando saudaba e bendicía por primeira vez ao orbe católico e comunicaba ao mundo a noticia da súa elección como sucesor de Pedro: Queridos irmáns e irmás, os señores cardeais elixíronme a min, un simple e humilde traballador na viña do Señor. Deixaba sentir o peso da responsabilidade que asumía xa que lle correspondeu calzarse as sandalias de pescador e porse as botas de viticultor. As metáforas sinxelas aluden a unha personalidade que marcaría o seu pontificado: humildade e espiritualidade, serenidade e luz; a súa claridade intelectual e a preocupación dunha intelixencia sobresaínte por situar a Cristo no corazón do mundo e no centro da vida cristiá.
Dous meses antes de ser elixido Papa tiven o privilexio de conversar tranquilamente con el polos corredores da Congregación para a Doutrina da Fe. Quería aclarar algunhas cuestións conflitivas da miña tese de doutoramento relativas á controversia epistemolóxica coa Teoloxía da Liberación, e máis concretamente, sobre as súas cartas con Leonardo Boff. Ao futuro Papa preocupábanlle cuestións relacionadas directamente cos fundamentos da verdade e dos criterios teolóxicos que afectaban á hermenéutica bíblica, ao racionalismo e a unha relectura esencialmente política e reductora da Escritura. Recordo o seu entrañable sorriso, a súa altura intelectual e a súa proximidade e sinxeleza humana. Coa mesma sinxeleza e claridade, o 13 de febreiro de 2013, nunha linguaxe transparente, comunicaba unha convicción madurada na súa interioridade, examinada ante Deus na súa conciencia e asumida con gran liberdade: ingravescente aetate, faltábanlle forzas para seguir remando na barca da Igrexa e cultivando na viña do Señor. Pero a pesar de todo, aí están os froitos: abundante pesca e saborosos viños en forma de horizontes culturais e eclesiais que levaron a fe ao espazo público, desenmascararon os grandes paradoxos da modernidade que nos queren facer crer que apartar a Deus do mundo contribúe á liberación do ser humano e reconstruíron diques profundos coa ditadura do relativismo.
Descanse en paz o Papa sabio, gran teólogo e excelente mestre de Homilética.
Mario Vázquez, Vicario Xeral da Diocese de Lugo e Deán