O Centro de Orientación Familiar (COF) Diocesano cumpriu 10 anos e, para celebralo, deu a coñecer a nova sede na cidade de Lugo e organizou unha xornada sobre a Familia. Esta tivo como colofón unha mesa redonda. Nela participaron Martiño Rodríguez, creador do COF lucense e na actualidade profesor das universidades de Navarra e Francisco de Vitoria, en Madrid; o filósofo Xosé Manuel Domínguez, director do Instituto da Familia de Ourense; e o sacerdote diocesano Nicolás Susena, delegado episcopal de Laicos Familia e Vida da nosa diocese e director do centro.
Martiño Rodríguez sinalou que “o COF está chamado a servir máis alá das persoas propiamente de dentro da Igrexa se é posible ir máis alá, a capilarizar na realidade social de seu lugar. Creo que o reto máis importante dos COF na área da intervención é o reto das persoas: atopar persoas cunha formación suficiente e cunha sintonía, unha identidade e unha formación cristiá que faga que ubicarse nun COF teña sentido para elas e para o COF”.
Pola súa banda, Xosé Manuel Domínguez asegurou, entre outras cousas que “non só necesitamos saber ben orientación, terapia, intervención sistémica senón que necesitamos coñecer o maxisterio da Igrexa e unha experiencia persoal e comunitaria cristiá desde a que vivir a misión de traballar nun COF. Necesitamos pensar todas as nosas intervencións desde a antropoloxía cristiá e desde o Evanxeo”. Invitou a “repensar o acontecemento do encontro terapéutico desde Emaús, o bo samaritano, as categorías do Evanxeo e a experiencia de Cristo de cada un”.
A intervención final foi a de don Nicolás Susena, que considera que “o Bispo sempre é un garante da eclesialidade, da moralidade, da identidade do COF. Aquí sempre contamos co apoio de D. Alfonso”. Tamén sinalou a importancia de “apostar pola transversalidade da pastoral familiar e reforzar a comuñón eclesial interdiocesana: traballamos xuntos os delegados de familia e os COF”.