O segundo día das Xornadas Abertas de Teoloxía foi o martes 14 de marzo, tamén no salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, onde o doutor en Teoloxía Jaume González Padrós tivo unha intervención titulada Unha participación que renova a vida e na que se referiu, entre otros temas, aos ollos da fe.
Nós sabemos que é certo o que di o apóstolo das xentes, San Paulo: a fe vén da escoita, da predicación. Daquela temos a tentación, especialmente os cristiáns occidentais, de quedarnos con esta afirmación e desenvolver unha exposición da fe meramente a partir dunha linguaxe verbal descoidando a imaxe, os ollos da fe.
Lembrou González Padrós a Transfiguración do Señor por indicarnos que se nós non temos uns sentidos transfigurados non seremos quen de ver na santa humanidade de Cristo a súa filiación divina, a súa divinidade.
O relator puxo un exemplo do que é posible grazas á mirada transfigurada:
Entra o sacerdote na igrexa, venera o altar, ergue a vista, ve á asemblea e di “O Señor sexa convosco”. Di isto porque está vendo ao Señor presente no medio da asemblea. E a asemblea mirando ao sacerdote, revestido con ornamentos do kyrios glorioso, e aínda sabendo que é un home pecador, coas súas debilidades e as súas manías, recoñece, ve, afirma, profesa que o Señor está presente no espírito sacerdotal do celebrante e contesta “E contigo tamén”.