A Santa Sé fixo público, este sábado 1 de abril, que o Papa Francisco nomeou Arcebispo de Santiago de Compostela a monseñor Francisco José Prieto, actual Bispo Auxiliar desa Diocese, segundo comunicou a Nunciatura Apostólica en España.
O Bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco, recibiu con alegría esta noticia e «felicita de corazón a Don Francisco» asegurándolle a súa «pregaria para que o Señor lle conceda moita fecundidade apostólica no desempeño desta nova encomenda á que foi chamado». Ao mesmo tempo, Don Alfonso recoñece e agradece «o traballo e a entrega de Don Julián ao longo de todos estes anos ao servizo da Igrexa que peregrina en Galicia».
A Diocese de Lugo -que forma parte da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela- únese á felicitación e oración do seu Bispo.