O domingo 18 de xuño, a Catedral de Lugo acolleu a tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento dentro da Solemne Misa Pontifical da Oitava de Corpus. Nesta edición presidiu a Eucaristía o bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos Montanet, que recibiu a ofrenda do alcalde da cidade das burgas, Gonzalo Pérez Jácome. Participaron tamén o Bispo de Lugo, mons. Alfonso Carrasco; o Arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto; o bispo de Vigo, mons. Luís Quinteiro; e o arcebispo emérito de Santiago, mons. Julián Barrio.
Na presentación da Ofrenda, o alcalde de Ourense, Pérez Jácome, lembrou que “nos atopamos ao comezo de novos mandatos municipais”, polo que lle pediu ao Santísimo que "ilumine coa súa permanente luz aos alcaldes, alcaldesas e concelleiros que rexerán o destino da administración máis próxima á cidadanía”. Tamén rogou para que as prioridades dos mandatarios municipais "sexan sempre as do interese público”. "Rogámosvos, soberano Santísimo, que poidamos construír unha sociedade igualitaria, sa, próspera e respectuosa cos dereitos humanos e os cidadáns. Unha sociedade na que cada persoa poida desenvolver o seu ciclo vital, desde a infancia ata os seus últimos días, coa realización dos seus proxectos persoais da forma máis satisfactoria”, afirmou.
Na resposta á Ofrenda, o Bispo de Ourense, dirixíndose ao oferente asegurou que “comprendo o sentido que lle deu á renovación dun voto feito polos rexedores das sete cidades máis importantes do Reino de Galicia hai varios séculos. Facendo memoria histórica agradecida e autenticamente viva", suplicou ante o Señor Sacramentado "polas novas corporacións municipais e provinciais, para que os homes e mulleres elixidos polos cidadáns non perdan a perspectiva da súa nobre vocación política”. Unha vocación, engadiu o don Leonardo, “que está encamiñada á edificación da cidadanía e a unha adecuada actividade, en liberdade, do ser humano”.
Ademáis, o prelado ourensán lembrou que "os nosos antepasados souberon descubrir na presenza deste Señor Sacramentado a forza e o impulso para construír unha cidade libre e unha sociedade xusta e fraterna. Á luz da Eucaristía, xa dende o primeiro momento do despregamento da forza e do dinamismo do Evanxeo no mundo, xurdiron obras de solidariedade humana, de beneficencia, do exercicio concreto do que viñemos chamando Cáritas ata a actualidade."
Don Leonardo rematou a súa homilía desexando que "o noso Señor Xesús Cristo, presente dunha maneira viva na Eucaristía, acolla todos os proxectos e desexos que hoxe aquí se expresaron, e tamén aqueles que todos gardamos no noso corazón, e que, unha vez máis, nos axude a redescubrir, coa forza do seu Espírito, que a clave de todos os nosos éxitos se atopa en saber acoller o grande consello deste Señor Sacramentado: Amémonos uns aos outros, porque o amor vén de Deus; e todo aquel que ama naceu de Deus e coñece a Deus."
Rematada a Santa Misa tivo lugar a procesión co Santísimo polas rúas do centro da cidade de Lugo. Ademais de Gonzalo Jácome participaron na celebración, en representación das sete cidades do Antigo Reino de Galicia, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o de Mondoñedo, Manuel Otero, así como representantes dos municipios de Betanzos, Tui e Santiago; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en representación da Xunta de Galicia. Tamén estivo presente a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a presidenta da Audiencia Provincial, María Luisa Sandar, mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade e representantes das deputacións de Lugo e Ourense.