Início / Menu Diócesis / Noticias

«A Palabra permanece para sempre» nos colexios diocesanos


O lema para este novo curso 2023-24 é “A Palabra permanece para sempre” (cf. Is 40, 8 ). A “Palabra” é fundamental na acción educativa xa que a transmisión dos coñecementos e da fe son a razón de ser dos colexios diocesanos.

A proposta cristiá xorde con toda a súa forza na Persoa de Xesús, a quen se propón como “Palabra” que se fixo carne, como seguridade no medio das vacilacións e dificultades cotiás. Desde os colexios diocesanos tratan de xerar suxeitos cristiáns capaces de comprender e vivir no mundo de hoxe, dando resposta ás preguntas existenciais e sostendo todo aquilo que é importante para o ser da persoa.

A Palabra de Deus, a educación, sempre queda en cada un como unha raíz que non se ve, pero que está, que é semente dun froito que se recollerá. Na imaxe represéntase unha das portas laterais da Basílica da Sagrada Familia en Barcelona. Nela exprésase o texto da Paixón, con algunhas palabras destacadas, como é a de Xesús no centro da imaxe porque Xesús é o centro da vida (persoal, do colexio, familiar etc.), a Palabra que permanece en cada un.

A educación dá paso na vida do alumnado e das familias ás distintas etapas que se van manifestando a través de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Os alumnos crecen, empregando estas portas que se abren ante os seus pasos decisivos e que profesores e formadores acompañan como un signo inequívoco da identidade dos colexios diocesanos.