Obispo

Obispo-de-Lugo_0130-49

CARTA PASTORAL «Un traballo decente ten que ser un traballo saudable»


O traballo é, sen dubida, lugar decisivo da realización da vida humana; por o seu medio a persoa está chamada a procurar o ben e a coidar valores fundamentais como a xustiza, o amor, a solidariedade, a liberdade, etc. Feito con sentido da fraternidade, da “amizade social”, o traballo contribúe ó perfeccionamento moral da persoa, chamada a ser colaboradora da obra da Creación e a vivir a súa condición de fillo de Deus e irmán dos seus semellantes. Para que a persoa e a nosa sociedade garden clara conciencia da dignidade e significado do traballo, serve tamén celebrar esta “Xornada polo Traballo Decente”, na que varias institucións eclesiais se unen coa vontade de que todo cristián se comprometa decididamente nesta acción social. O valor que Xesús lle concede ao traballo vémolo tanto na súa vida de traballador con San Xosé como nas súas ensinanzas, nas que moitas veces fala de diversos traballos. Ensínanos que o traballo corresponde á vontade do Pai, que traballa sempre (cf. Xn 5,17), é colaboración coa Súa obra creadora e modo xusto de gañarse o pan de cada día. 

Este ano a Xornada invítanos a recordar que “un traballo decente ten que ser un traballo saudable”. Denúncianse así males como a precariedade e o risco de accidentes, o paro, a explotación, a escravitude, a falta de hixiene, a inseguridade no posto de traballo, o salario insuficiente… Un traballo saudable implica tanto a saúde física e as condicións laborais como a mental e a social, para que cada persoa colabore ao melloramento da sociedade, tarefa á que todos estamos chamados. Nesta época de revolución tecnolóxica e enerxética, un “traballo saudable” pide coidar as condicións laborais, o salario familiar, a sanidade, os servizos sociais etc., para facer posible o benestar da sociedade e, en primeiro lugar, das familias. Convén non esquecer, como criterio, “a prioridade do traballo (a persoa) sobre o capital (as cousas) para abordar como sociedade esta cuestión clave para o desenvolvemento da persoa, o desenvolvemento da familia e a contribución ao ben común” (CEE, “O Deus fiel mantén a súa alianza”, nº 94). A insistencia no “saudable” que nos fala precisamente do protagonismo de cada persoa, que non chega a realizarse sen a posibilidade de participar cun traballo decente na construción do ben común. Esta debe ser a principal política social, especialmente cara aos pobres, aos que non se responde de modo digno solo con un pouco de diñeiro. Insiste nesta perspectiva a Doutrina Social da Igrexa na súa ultima encíclica: “Esa (a actividade laboral) é a mellor axuda para un pobre, o mellor camiño cara a unha existencia digna. Por iso insisto en que «axudar aos pobres con diñeiro debe ser sempre unha solución provisoria para resolver urxencias. O gran obxectivo debería ser sempre permitirlles unha vida digna a través do traballo». Por máis que cambien os mecanismos de produción, a política non pode renunciar ao obxectivo de lograr que a organización dunha sociedade asegure a cada persoa algunha maneira de aportar as súas capacidades e o seu esforzo. Porque «non existe peor pobreza que aquela que priva do traballo e da dignidade do traballo»”. (PAPA FRANCISCO, Fratelli Tutti, nº162) Neste día lembremos todos que a caridade mesma, que quere o ben do próximo e o melloramento da sociedade, chama por un traballo decente, que ten que ser saudable, no que cada quen poida desenvolver o seu ser persoal e social, coidar da súa familia e exercer a solidariedade. Asumamos este compromiso como propio do noso ser cristiáns, cada un nas súas circunstancias, con aquela actitude que o apóstolo Paulo nos propoñía vivir: “Todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa nobre, todo o que sexa xusto, todo o que sexa limpo, todo o que sexa estimable, todo o que sexa honroso, calquera virtude ou mérito que haxa, iso é o que debedes estimar” (Flp 4,8). Que o Señor, que ilumina mentes e corazóns, e non deixa de traballar polo noso ben, a nosa paz e a nosa ledicia, nos colme das súas bendicións.

+Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo