Lugo Ciudad del Sacramento


LUGO TEN ALGO… ÚNICO NO MUNDO: A PRESENZA PERMANENTE DO SANTÍSIMO UN CORPUS CHRISTI PERMANENTE

Entre Lugo e a Eucaristía existiu desde sempre unha unión singular, que podería datarse no século VI. Naquela época, os bispos galegos decidiron que a Eucaristía fose honrada na principal igrexa de Galicia -a de Lugo- como signo da verdadeira fe en Xesucristo, que nos salvou na realidade da súa carne, entregada por nós.

Esta devoción tomará a forma da exposición do Santísimo quizá xa desde o século XIII, que se manterá ininterrompidamente ata hoxe no Altar Maior da Catedral de Lugo.

Esta exposición permanente do Señor sacramentado é un acontecemento único no mundo. Ningunha outra catedral goza deste privilexio que posuímos os lucenses.

Este feito non só nos identifica aos habitantes da cidade, senón tamén a toda a Diocese e á actual provincia de Lugo.


HOC HIC MISTERIUM FIDEI FIRMITER PROFITEMUR

AQUÍ PROFESAMOS FIRMEMENTE ESTE MISTERIO DE FE




PATRIMONIO DE GALICIA


O escudo de Galicia, coas cruces das súas sete cidades, presenta tamén un cáliz e unha hostia e recolle a historia de fe e amor pola Eucaristía de todo o pobo galego, que de forma protocolaria renóvase cada ano na Celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo.

Esta festa ten lugar o domingo despois de Corpus Christi, e vén celebrando ininterrompidamente desde 1669. Volve celebrar a Misa de Corpus -caso único no mundo- e o Santísimo sae, unha vez máis, en procesión polas rúas da cidade.





A CATEDRAL DE LUGO

A fe e a devoción dos lucenses pola Eucaristía deu froitos permanentes ao longo da historia: artistas do medievo plasmárona no pinxante da porta norte, outros posteriores na figura central da fachada principal, nas pinturas da bóveda, nos dinteis das portas, nas producións musicais, nas confrarías, a adoración nocturna, congresos eucarísticos… ata na muralla: o cáliz da Sacra Forma está visiblemente presente no escudo esculpido en 1781 na porta de San Pedro (ou Toledana).

O privilexio eucarístico lucense converteu a Catedral lucense nun espazo único de adoración permanente, e fai posible que o Santísimo saia en procesión o serán de Xoves Santo antes de ser gardado no sagrario da reserva, e que o Domingo de Resurrección procesione tamén ao encontro da súa Nai.