Início / Menu Diócesis / Noticias

Festa do Clero de Galicia


 

Máis de 150 sacerdotes das dioceses de Galicia ordenados dende o ano 2000 acompañados dos bispos, acudiron ao Santuario de O Corpiño para gañar o xubileo e manter un encontro de fraternidade.

Ante a Virxe de O Corpiño o clero galego agradeceulle a súa compañía "en cada momento da nosa vida e do noso ministerio, cada hora de servizo pastoral intenso e dedicado, pero tamén as horas máis escuras e máis amargas da nosa ambigüidade, do noso cansazo e das nosas inquietudes máis íntimas". E pediulle o seu auxilio para "poder acoller cada día o sí fiel que Deus nos dirixe e así, coa túa axuda, responder co noso, renovando aquel primeiro sí da nosa ordenación sacerdotal".

Na homilía, o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, comezou recordando que como peregrinos acuden á casa da Virxe, á casa da Nai: “onde verdadeiramente pertencemos, onde somos chamados fillos e amigos, non servos, onde a nosa vida máis persoal, a nosa vocación, ten a súa orixe, en Aquel que nos amou e fixo de nós todos unha compañía de irmáns”. (…) “Amándonos con un xeito divino e sen medida, tamén El, Xesús, quixo habitar en nós, non deixarnos sos, senón quedarse a vida enteira, todos os días ata a fin do mundo. Nós hoxe, có xesto desta peregrinación xuntos, estamos dicindo que queremos permanecer neste fogar verdadeiro, volver sempre de novo a el”.

En referencia á vocación sacerdotal, Mons. Carrasco, á chamada como orixe do que son por percibir o amor de Deus, manifestoulles que: “Como sacerdotes somos testemuñas deste Amor que fixo xurdir unha historia nova no mundo; puidémola experimentar cada un, na propia vocación, e por iso falamos, certos da grandeza deste Amor do Señor, que é camiño, verdade e vida para todos”. (…) “A nosa misión pertence ao máis íntimo da historia da nosa Galicia, educada e moldeada polo lume do Evanxeo, que puido construír familias e casas, atravesou os séculos e xerou cultura, gardando ante os ollos a bondade de Deus, a entrega do Fillo, noso irmán e Señor, a gloria e a tenrura da Nai e Raíña de ceos e terra. Así aprendemos a ser humildes e fortes, xente de palabra, hospitalarios e solidarios, nos traballos de cada día e nas penas da existencia; alegres nas festas, certos do noso destino bo, desexosos de acompañarnos nos sufrimentos e ante a morte”.

E finalizou encomendando a fidelidade sacerdotal á Virxe: “que viviu o seu servizo con conciencia ben humilde, pero permaneceu nel sempre e ata o final por graza de Deus. Que Ela nos consiga un corazón coma o seu, feliz de proclamar as grandezas do Señor” (…) “intercede pola nosa fidelidade á vocación, pola dos nosos compañeiros nas nosas dioceses, en Galicia e no mundo. E así, polo noso medio, coida sempre das nosas xentes, das nosas parroquias, do noso pobo”.

Audio Homilia Bispo de Lugo