Nos, Dr. D. Alfonso Carrasco Rouco, pola graza de Deus e a Sede Apostólica, Bispo de Lugo
Con data de 9 de maio de 2024 o Papa Francisco convocaba o Ano Santo romano de 2025 coa Bula «Spes non confundit», chamando a toda a Igrexa a unha peregrinación na esperanza, fundada no recoñecemento crente do Amor de Deus manifestado en Cristo Xesús. Á vinda do Fillo de Deus na carne e á súa presenza entre nós refírese especialmente o Xubileu romano, cuxo ritmo subliña a permanencia da súa obra de salvación ao longo dos séculos. Deste acontecemento salvífico dará testemuño tamén a celebración o próximo ano do 1700 aniversario do primeiro Concilio ecuménico en Nicea, decisivo para a nosa profesión de fe en Xesucristo como Fillo de Deus consustancial ao Pai.
Na nosa Diocese de Lugo habemos de acoller as grazas deste Xubileu, segundo o indicado a toda a Igrexa universal. A Santa Sé estableceu que a indulxencia xubilar poderá ser lucrada, cumpridas as condicións habituais, acudindo como peregrinos da esperanza á propia Catedral ou a aqueles templos que para tal fin indique o Bispo diocesano. Así pois, para que o ben espiritual deste gran Ano alcance a toda nosa Igrexa particular e todo fiel sinta próxima a graza de revivir o Amor de Cristo e de seguir pertencendo ao seu Pobo Santo, de xeración en xeración, DECRETO que, nesta Diocese de Lugo, ademais de na súa Catedral Basílica, os fieis poderán gañar a indulxencia xubilar peregrinando a algún dos seguintes Santuarios:
Nosa Señora dos Desamparados en Santa María de Abades
Nosa Señora das Angustias de San Pedro de Arcos
Nosa Señora de Cadeiras
San Pedro de Cadoalla
San Xiao de Carballo
Santa María A Real de O Cebreiro
Virxe dos Remedios en San Salvador de Cesar
Nosa Señora de San Breixo
Nosa Señora da Peña de Francia en Santa María de Dozón
Santa María de A Ermida
Nosa Señora do Faro
Santa María de A Fonsagrada
Santo Cristo de Goián
Nosa Señora da Saúde de San Pedro de Líncora
San Eufrasio en Santa María do Mao
San Bernabé en Santiago de Martín
San Vicente do Pino
Santa María Madanela de Mougán
Nosa Señora de O Corpiño
Nosa Señora das Dores de San Pedro Fiz de Robra
Santa María de Rendal
Ecce Homo en Santiago de Rubián
Nosa Señora da Saleta en Siador
Nosa Señora das Dores en San Salvador de Vilasante
Desde o día 29 de decembro de 2024, tras a solemne apertura diocesana do Ano Santo na S. I. C. Basílica, ata a súa clausura o 28 de decembro de 2025.
A presenza do Señor Xesús na historia non terminou coa morte en cruz, senón que o seu Amor vitorioso atravesa os séculos como verdadeira esperanza do mundo, atrae e renova mentes e corazóns de xeración en xeración, e converteuse en fundamento da nosa vida. Isto é o que celebramos no Xubileu romano, que se convoca regularmente cada 25 anos.
Celebrarémolo para afirmar a nosa fe, a nosa propia identidade como cristiáns, nestes momentos nos que a todos nos urxe recoñecer de novo o Amor do Señor como a nosa esperanza e a nosa guía. Neste ano xubilar miremos á nosa historia cos ollos da fe, fagamos memoria da vinda do Fillo de Deus ao noso mundo, acollamos de corazón o don inmenso de perdón e de indulxencia que nos adquiriu na Cruz. E confirmemos a nosa pertenza ao seu Pobo, que ten historia, tradición e conciencia propia, que se guía polo Evanxeo mentres responde os desafíos da vida, que se recoñece unido no Sucesor de Pedro.
Dado en Lugo, Cidade do Sacramento, a 1 de setembro de 2024
+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo