O Día da Familia, celebrado o domingo 23 de outubro en Teixeiro (Lugo), comezou cunha conferencia pronunciada polo Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo; algunhas das súas palabras:
A realidade do matrimonio e da familia en España é significativa e importante porque ten moito que ver co pan noso de cada día, co futuro da Igrexa e da sociedade e coa felicidade e a santidade de todos. A infancia, a mocidade, a parella, o matrimonio, a ancianidade están fondamente afectadas pola situación da familia. Ao redor da familia xóganse realidades tan importantes como a vida, a educación, a estabilidade do fogar, a maternidade, a convivencia, o respecto mutuo, a natureza das cousas, a propia filosofía (por riba de toda filosofía e ideoloxía está o amor cristián que é o fundamento de todo pensar e sentir), a concepción antropolóxica do ser humano, a indisolubilidade, a fidelidade, a beleza do amor matrimonial e a procreación, o sentido da vida e da morte.
Estas palabras sitúannos xa nunha reflexión realizada desde unha actitude propositiva pero partindo da análise da realidade que nos ofrecen os bispos españois, concretamente, a Subcomisión Episcopal para a familia e a defensa da Vida. A recente nota da Comisión Episcopal ante a nova lei da saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo e ante a Lei para a igualdade real e afectiva das persoas “trans” e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, pon de manifesto serias preocupacións porque:
- Lexíslase en contra da vida humana e en contra da igualdade e dignidade do ser humano así como en contra da natureza e da saúde sexual e reprodutiva.
- Estes proxectos lexislativos confúndeno todo. Non se pode promulgar o aborto como un dereito (a morte e a inxustiza non é un dereito). É reprobable permitir o aborto dos discapacitados até os cinco meses e medio e é reprobable a posibilidade de que as mozas menores poidan abortar sen o consentimento dos seus pais (non poden tomarse un ibuprofeno de 600, nin votar). É reprobable obrigar aos médicos que non acepten estas prácticas que teñan que inscribirse nun rexistro de obxetores de conciencia.
Hai preocupación pola posible aprobación da lei “trans” que contén no seu articulado elementos de imposición da teoría “queer” que cuestiona radicalmente a identidade sexual das persoas, en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, establecendo e impondo arbitrariamente unha única concepción antropolóxica.
O Papa Francisco e Benedito XVI falaron en numerosas ocasións e nun ton moi crítico da denominada “ideoloxía de xénero” chegándoa a considerar un dos maiores atentados dos nosos días contra a dignidade da persoa humana e unha das maiores ameazas existentes contra a familia. A nova lei da transexualidad fundaméntase nesta ideoloxía. Por iso, os bispos falan de:
- Un horizonte de colonización ideolóxica. Hai que lembrar que non somos animais irracionais, ou ordenadores con patas, senón seres de corpo e alma con intelixencia sintiente.
- Un estado democrático non pode impor unha peculiar e reducida visión antropolóxica en todos os ámbitos: educativo, médico, xurídico, laboral, medios de comunicación, cultura, deporte, lecer, etc.
Están a darse casos nos que adolescentes “sen disforia de xénero” piden cambiar de sexo por cuestións afectivas propias da adolescencia. Ademais o cambio de sexo é irreversible. Estamos ante un exemplo claro de irracional dogmatismo ideolóxico. Ás persoas con trastorno de identidade de xénero négaselles a posibilidade dun tratamento psicosexual e mesmo a necesidade dun diagnóstico sobre a cuestión do xénero confundindo o diagnóstico médico cun intento de anulación da personalidade.
A comunidade cristiá debe coidar os sentimentos de acollida a estas persoas con disforia de xénero, que teñen o dereito a ser respectados e mesmo tratados cos medios lícitos postos a disposición pola medicina para conseguir niveis satisfactorios de saúde física, psíquica e relacional.
Ninguén debería pensar que debilitar á familia como sociedade natural fundada no matrimonio é algo que favorece á sociedade. Ocorre o contrario: prexudica a madurez das persoas, o cultivo dos valores comunitarios e o desenvolvemento ético das cidades e pobos. Os desafíos da modernidade están aí. Estamos nun intre decisivo para a Igrexa e a humanidade, un intre de profundas transformacións e un verdadeiro cambio de época con novos desafíos aos que todos temos que dar resposta coa axuda e a graza de Deus.
Fronte a estas situacións que promoven un individualismo exarcebado, unha desestabilización da familia tradicional, e unha revolución sexual nada prometedora para o futuro, os cristiáns temos que contrarrestar estes e outros moitos desafíos.
Ante esta realidade:
1. Sabemos que ningunha política é neutra e que cada goberno ten un modelo antropolóxico do ser humano e un concepto de persoa.
O matrimonio vai máis aló de calquera moda pasaxeira por iso subsiste e persiste. O seu ser e esencia está arraigada na natureza mesma da persoa humana e do seu carácter social. Formar unha familia significa “ser parte do soño de Deus, uníndose a El na construción dun mundo onde ninguén ve só”.
2. De aí a necesidade de promover a dignidade da persoa. O ser humano é imaxe de Deus. Creado a imaxe e semellanza de Deus. Por iso temos que xerar unha cultura da beleza do matrimonio e a familia dando testemuño ao vivila dun xeito coherente e gozoso.
3. Coidar a transmisión da fe na familia, vivíndoa en comunidade e non de maneira illada. As parroquias, os movementos, os grupos de matrimonios, as organizacións e asociacións, son de gran axuda.
3. Non delegar noutros a educación cristiá dos nosos fillos. A aposta pola educación na nosa Diocese está a ser exemplar. Os colexios son colaboradores. Os pais primeiros educadores. Colaborar en ANPAS, consellos escolares, etc.
4. Formándonos para ser críticos ante os desafíos que nos chegan.
5. Colaborando con animadores de pastoral, pastoral familiar, Centro Diocesano de Orientación Familiar, etc
A Nosa Voz