A Diocese de Lugo vén de facer público, a través dun comunicado, que a partir deste mércores abrirá, para a súa visita, a igrexa do Salvador de Vilar de Donas, no concello lucense de Palas de Rei.
Este templo, contruido no século XII e monumento nacional desde 1931, abrirá os mércores e xoves de 16:00 a 20:00 h.; e os venres, sábados e domingos de 10:00 a 13:00 h. e de 16:00 a 20:00 h. Isto será posible grazas á iniciativa da Diocese e ao traballo e entrega dos misioneiros combonianos responsables da pastoral na zona de Palas de Rei, onde xa están abertas tódolos días as igrexas de Santiago de Lestedo (de 11:30 a 14:00 e de 15:30 a 17:30 h.), San Xulián do Camiño (de 9:00 a 13:30 h.) e San Tirso de Palas de Rei (de 7:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h.).
No comunicado, a Diocese aproveitou para asegurar que con estas actuacións "amosa, unha vez máis", a súa vontade de colaboración con "tódolos organismos que promoven o turismo". Ao mesmo tempo, manifesta que "por si soa" non conta con recursos humanos e económicos "suficientes para a atención ao turismo" e reitera o seu "empeño e vontade de ofrecer toda a atención pastoral" reclamada polos que a visitan "indistintamente da motivación que teña cada persoa".