O Don da Indulxencia
“A indulxencia é a remisión ante Deus da pena temporal polos pecados xa borrados en canto á culpa, que o fiel cristián, debidamente disposto e cumprindo unhas certas e determinadas condicións, consegue por mediación da Igrexa, a cal, como administradora da redención, distribúe e aplica con autoridade o tesouro das satisfaccións de Cristo e dos santos.”
Recibir a indulxencia é un xesto plenamente persoal, que só se fai de corazón e libremente. Non pode acollerse doutra maneira, porque así é tamén o don, o tesouro ofrecido: vén do Corazón de Xesús, está feito da sustancia da súa liberdade e do seu amor, da súa entrega na Paixón e da resposta persoal e todopoderosa que lle dá o Pai, que o colma da súa vida e da súa gloria eternas.
Na indulxencia plenaria – e na Eucaristía – participamos en grao sumo íntimo e persoal do Pai e do Fillo.
Por iso, “para gañar unha indulxencia plenaria [requírese] a exclusión de todo afecto a calquera pecado, incluso venial … Se falta a plena disposición, … a indulxencia será só parcial”
O don da indulxencia significa sempre unha invitación para dar un paso no camiño, a movernos persoalmente, a sentir a responsabilidade pola nosa vida e a buscar ao Señor con confianza, nun xesto de petición cheo de fe e de humildade.
Achegarse á Catedral de Lugo, ante o Santísimo Sacramento, a gañar a indulxencia, non ha de ser un xesto só externo, senón tamén íntimo; é pedir de corazón, abrir a alma á graza de Deus, á vida, ás posibilidades novas que poden xurdir ao ser liberados do mal, do pecado.
A Indulxencia e o misterio da Eucaristía
A Indulxencia plenaria concedida só pode ser lucrada se se recibe a comuñón na celebración eucarística. Convídanos, pois a participar na Santa Misa o mesmo día e, por conseguinte, a volver descubrir que a Eucaristía é verdadeiramente fonte e cima da vida cristiá.
Esta vinculación da indulxencia coa comuñón eucarística é maior, se cabe, no noso caso pola condición específica de adorar un tempo adecuado ao Santísimo, o que constitúe para a nosa Diocese de Lugo como un “signo” elocuente e providencial.
Os fieis cristiáns poden gañar a Indulxencia plenaria “calquera día na Catedral Basílica de Lugo a condición de que … visiten piadosamente o Santísimo Sacramento exposto publicamente co fin de adoralo durante un adecuado espazo de tempo, concluíndo coa Oración Dominical e o Símbolo da Fe.”
Tradición Eucarística na Catedral de Lugo
O privilexio da Indulxencia na Catedral de Lugo, vinculado á adoración do Santísimo, pon de manifesto precisamente a realidade deste sacrificio persoal do Señor, realizado na carne, e permítenos acceder aos seus froitos de perdón e salvación.
Do mesmo xeito, tamén a concesión deste privilexio lucense da indulxencia plenaria cotiá e perpetua é para nós –en Lugo e en Galicia, en primeiro lugar– unha invitación insistente a descubrir de novo a misericordia do Pai, a atoparnos con aquel Amor que verdadeiramente tapa multitude de pecados e que en Xesús fáisenos presente de forma concreta, accesible no tempo e as circunstancias da nosa vida.
A Visita ao Santísimo Sacramento
A concesión desta Indulxencia foi vinculada coa antiquísima tradición lucense de veneración da Eucaristía baixo a forma concreta dun “tempo adecuado” de adoración, no que se rece un Noso Pai e un Credo. Non podemos deixar de recoñecer niso a tradición da “visita ao Santísimo”, desde sempre propia das nosas igrexas e moi especialmente da nosa Catedral.
Isto convídanos a todos a coidar o tesouro que o Señor quixo poñer nas nosas mans, como cidade e como Diocese do Sacramento. Niso insistía profeticamente tamén S. Manuel González, o bispo dos Sagrarios abandonados, do Amor presente e non recoñecido.
Ao medrar así a adoración e a acción de grazas ao Señor Xesús pola súa obra de salvación, e nel ao Pai e ao Espírito, a piedade eucarística producirá froitos cotiáns na vida dos fieis, das nosas parroquias e da nosa sociedade, froitos de amor a Deus e de caridade fraterna.
A Gratuidade da Indulxencia
Esta indulxencia será sempre para nós, en primeiro lugar, unha obra de misericordia, na que resoan dalgún modo as obras corporais e espirituais da tradición católica: visitar ao enfermo, dar para comer ao famento, vestir ao espido –que analogamente se fai con quen busca indulxencia–, ou, igualmente, perdoar ao que nos ofende, consolar ao triste, soportar con paciencia os defectos do próximo, rezar a Deus polos vivos e os defuntos, etc.
A indulxencia plenaria é, en si mesma, misericordia; e achegarnos a posibilidade de acceder a ela na proximidade das nosas casas, en Lugo e en Galicia, en condicións adecuadas ás nosas forzas, calquera día e todos os días, é tamén unha misericordia grande.
En todo iso, no don desta “gran perdonanza” que se nos ofrece, brilla de modo singular e en especial a gratuidade profunda do amor. Non só porque nada fixemos que merecese esta indulxencia, senón ante todo porque se trata dun compartir –totalmente libre– o persoal, o máis vivo e próximo ao corazón, aquilo en que Deus mesmo descobre a beleza, o ben e a verdade da vida dos seus, ao que quere recoñecer verdadeiro merecemento mesmo ante El.
A indulxencia é sempre unha porta aberta á esperanza: Non só a de poder liberarnos do mal, grazas ao amor creador e redentor do Señor, e co alento, a intercesión e a axuda dos Santos, os nosos irmáns; senón tamén a de poder retomar de novo, con ollos e corazón limpos de pecado, o quefacer da vida.
Oración ao comezo da visita ao Santísimo
Meu Señor Xesucristo, que por amor aos homes estades día e noite neste Sacramento, cheo de misericordia e amor, esperando, chamando e acollendo a todos os que veñen visitarvos; eu creo que estades presente no Santísimo Sacramento do Altar; adórovos desde o abismo da miña nada, agradézovos todos as grazas que me concedestes, e especialmente a de darme a Vos mesmo neste Sacramento, concederme por avogada á vosa Santísima Nai María, e chamarme a visitarvos nesta igrexa.
Saúdo hoxe ao voso amantísimo Corazón, e é a miña intención saudalo por tres fins: o primeiro, para darvos grazas por este gran don. O segundo, para compensar as inxurias que recibistes de todos os vosos inimigos neste Sacramento. O terceiro, para adorarvos con esta visita en todos os lugares da terra onde, sacramentado, estades menos venerado e máis abandonado.
Meu Xesús, ámovos con todo o meu corazón. Arrepíntome de causar no pasado tantos desgustos á vosa bondade infinita. Propoño coa vosa graza non ofendervos máis no futuro; e agora, miserable como son, conságrome enteiramente a Vos, douvos e renuncio a toda a miña vontade, aos meus afectos, aos meus desexos e a todas as cousas miñas. En diante facede de min e de todas as miñas cousas canto vos praza. Só busco e quero o voso santo amor, a perseveranza final e o cumprimento perfecto da vosa vontade.
Recoméndovos as almas do Purgatorio, especialmente as máis devotas do Santísimo Sacramento e de María Santísima. Recoméndovos tamén a todos os pobres pecadores. Uno en fin, meu Salvador querido, todos os meus afectos aos do voso amorosísimo Corazón, e así unidos ofrézoos ao voso eterno Pai e rógolle no voso nome que por amor voso os acepte e escoite.
(S. Alfonso María de Ligorio)
Estación ante Xesús Sacramentado
V. Viva Xesús Sacramentado!
R. Viva e de todos sexa amado!
T. Noso Pai, Avemaría e Gloria
As loanzas e as oracións, Noso Pai, Avemaría e Gloria, repítense tres ou cinco veces
V. Bendito e loado sexa o Santísimo Sacramento do Altar.
R. Sexa por sempre bendito e loado.
Oremos.
Oh Deus, que neste admirable sacramento nos deixache o memorial da túa Paixón, pedímosche nos concedas venerar de tal modo os sacros misterios do teu Corpo e do teu Sangue, que experimentemos constantemente o froito da túa redención. Ti que vives e reinas por sempre eternamente.
R. Amen.