Este pasado mércores, 10 de agosto, a parroquia lucense de San Lourenzo de Albeiros celebrou o seu sesenta aniversario. Monseñor Alfonso Carrasco, Bispo de Lugo, presidiu unha celebración da Eucaristía que ateigou de fieis o templo. Na homilía, don Alfonso afirmou que “tendo fe nunca deberiamos de perder a paz e a alegría". Neste sentido, o Prelado remarcou que "non deberiamos deixar de estar certos do amor de Deus, da súa compañía, de que coida a nosa vida… Isto o significa unha Parroquia", lembrou, "que é un lugar onde nós constantemente afirmamos isto de verdade". Neste sentido, monseñor Carrasco fixo fincapé en que "Deus manifesta o seu coidado de moitas maneiras e tamén cunha veciñanza que leva unha alma fraterna, de axuda mutua, dentro: iso é unha parroquia”.
A Santa Misa, á que asistiron autoridades civís, entre elas a alcaldesa da cidade de Lugo, Lara Méndez, estivo concelebrada polos párrocos da cidade de Lugo. Todos os presentes compartiron un ágape ao rematar os actos centrais deste día de festa que se levou a cabo baixo o lema: "San Lourenzo de Albeiros: 60 anos sendo a luz dun barrio".