A VIDA CONSAGRADA (GAL)


Signo vivo da presenza de Cristo resucitado no mundo
Xornada mundial da vida consagrada

Neste Ano da fe, o noso Papa Benedito XVI convocou de novo a Xornada Mundial da Vida consagrada, baixo o lema "signo vivo da presenza de Cristo resucitado no mundo".
Certamente, a fe é posible só grazas a unha presenza, a de Aquel a quen o home confía a súa vida e o seu destino de modo consciente e libre.
E este só pode ser Deus mesmo, e un Deus a quen se ame. Xa que o home non podería poñer o ben precioso da súa liberdade e do seu destino en mans de ninguén máis, sen negar a propia dignidade. Só Deus pode iluminar as profundidades do corazón, salvar dende o interior a nosa liberdade, chamarnos a un destino persoal, a unha vocación cuxo horizonte é o mundo -a súa salvación.
E este Deus fíxose presente en Xesucristo, de modo que fose posible oílo, velo, telo como irmán. En Xesús revelouse o Pai e o seu amor por nós, a súa vontade de vencer a nosa morte e levar a nosa humanidade á gloria da resurrección. Grazas a Xesucristo aprendemos a crer de novo en Deus. Por Él coñecemos o Amor do Pai; de modo que, como di Pablo, vivimos neste mundo, pero xa "na fe do Fillo de Deus, que me amou e se entregou por min" (Ga 2,20).
Todos os crentes en Cristo estamos chamados a ser coa nosa propia vida signo da súa presenza no medio do mundo, e a nosa comuñón na fe e o amor -a Igrexa, polo tanto- é o signo por excelencia da súa obra na historia.
Dentro desta comuñón eclesial, a vida consagrada ten como vocación especial, pola sua parte, facer da propia existencia un testemuño público de amor a Cristo e ser deste modo signo visible da súa presenza.
En efecto, o crente é signo sempre coa propia humanidade, coa propia vida e liberdade. É a fe activa, a entrega confiada ao amor coñecido e recoñecido de Deus, a comuñón vivida co Señor, o que fai expresivo e comprensible o signo. Mentres que, como ben sabemos, o noso pecado desfigúrao e escuréceo.
Por iso, o testemuño primeiro que ofrece a vida consagrada é o da entrega plena do corazón, feita de modo público cos propios votos, que logo se expresará de diferentes maneiras en diversas misións. Así, polo seu medio, o noso Señor chámanos a todos a vivir con radicalidade a nosa fe, a vocación propia de cada un; e constitúe, ao mesmo tempo, un signo vivo da súa presenza resucitada no mundo.
Só así, ante o testemuño plenamente humano dunha vida e un amor novos, poderán crer os homes do noso tempo.
De aí a importancia da fidelidade dos institutos de vida consagrada a súa vocación. Para iso, sempre será o máis decisivo vivir na comuñón co Señor resucitado. Sentir e comprender a propia vocación dentro da única Igrexa, universal e particular, será esencial, polo tanto, para a permanencia viva do signo que é a vida consagrada.
Do mesmo modo, nada poderá substituír a propia e persoal relación de entrega confiada e amorosa ao Señor Xesús, a propia fe en Cristo resucitado e así no Deus Trinidade, que é Amor. Esta é a raíz viva, plantada polo Espírito no medio da Igrexa e do mundo, o tesouro escondido polo que convén sacrificar todo o demais. De aquí brota a mirada e o corazón novos, capaces de discernir os signos dos tempos, de ver e de compartir as necesidades do irmán.
Compréndese así, en particular, o testemuño da vida contemplativa, que nos fala da urxencia de manter esperta a fe e o amor do corazón, e da primacía do noso Señor, en cuxas mans está sempre toda graza e todo don verdadeiro, en quen confiamos para a nosa salvación e a do mundo.
Pidamos, pois, todos uns por outros nesta Xornada, e especialmente polos membros das diferentes formas de vida consagrada presentes na nosa Diocese. Como todos os anos, farémolo especialmente na celebración que terá lugar o próximo día dous de febreiro, ás 17 h., na nosa Catedral Basílica de Santa María.
Que Ella, a Santísima Virxe dos Ollos Grandes, consagrada plena e totalmente ao seu Fillo ata o seu último alento, sexa o noso exemplo e tamén o noso amparo.
Que a súa intercesión maternal nos consiga que o "si" do noso corazón se renove sempre na verdade e a sinxeleza, para saber vivir realmente na fe en Xesucristo o seu Fillo, que nos amou e se entregou por nós, e ser signo crible da súa presenza resucitada no medio do mundo.
 

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo