A Diocese de Lugo coida con esmero a festa do Corpus Christi e a Ofrenda do Reino de Galicia, non só no que atinxe á celebración da fe, senón tamén como un acontecemento cultural especialmente significativo.
Propoñendo un conxunto de actividades artísticas, culturais e musicais vinculadas a fe e ao coñecemento.
Festival Internacional de Órgano Corpus do Christi de Lugo
Ao longo destes anos de existencia configúrase como unha cita cultural e festiva de gran importancia no marco das celebracións do Corpus Christi en Lugo. Está incluído dende a súa II edición na programación do Festival de Música Cidade de Lugo-Semana de Música do Corpus, tamén dende o seu inicio forma parte do Ciclo Europeo de Concertos de Órgano “A Música do Peregrino”, vinculado ao Camiño de Santiago celebrando concertos tamén en Italia e Suiza.
O Festival non esgota as súas posibilidades soamente na realización sen máis de concertos, nos que participan músicos de primeiro nivel e recoñecemento internacional. Supón ademais a recuperación do rico patrimonio organístico presente na cidade e na provincia de Lugo así como tamén do propio patrimonio musicolóxico, recuperando música do arquivo da Catedral ou pezas de compositores lucenses senlleiros. Propostas como o concerto a dous órganos en pasadas edicións, visitas guiadas e concertos pedagóxicos completan a proposta deste Festival.
O director artístico do Festival é Giulio Mercati, concertista italiano de notable traxectoria, experto en interpretación organística solística, pero tamén camerística e sinfónica. Músico de grande versatilidade, é tamén un importante promotor artístico e cultural.
Noite Coral Lucense, As Voces da Cidade
A “Noite Coral Lucense, As Voces da Cidade” celebrou a súa I edición no mes de xullo de 2018, como peche do IV Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi. O resultado acadado na súa primeira edición, cunha asistencia aproximada de máis de 1000 participantes, fíxonos desexar que se convertera nun evento senlleiro e de gran orixinalidade, como broche final ás celebracións do Corpus Christi.
A Noite Coral consiste nun itinerario nocturno de concertos que se van celebrando en distintos templos da cidade, interpretados por varios coros, que ao final do percorrido se unen para rematar con un gran concerto final.
Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi
Curso organizado pola Delegación de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico da Diocese de Lugo e o Centro Eucarístico Lucense, que conta con tres modalidades: órgano, dirección coral e canto.
Realízase este curso coa intención de contribuír á formación musical e litúrxica daqueles músicos que desenvolven distintas funcións no ámbito da música sacra: directores de formacións vocais, organistas, cantores, monitores, etc.
As materias específicas de cada unha das 3 modalidades do Curso son as seguintes.:
Dirección coral
Técnica vocal
Órgano
Concurso de Fotografía Eucarística e de Patrimonio Relixioso
Unha visión do patrimonio relixioso e eucarístico dende a perspectiva fotográfica.
Cada participante poderá presentar un máximo de 4 obras e en cada unha delas deberá figurar o tema ao que pertencen -patrimonio relixioso cristián ou Eucaristía.
As obras premiadas formarán parte dunha exposición organizada polo Centro Eucarístico Lucense.
Certame Literario de Poesía Eucarística
Un certame poético para descubrir obras inéditas e orixinais.
Poderán presentarse ao certame todas aquelas obras inéditas, escritas en galego ou castelán, que constitúan un único poema ou varios e cunha extensión máxima de 300 versos e mínima de 50.
O xurado estará composto por escritores e profesores designados polo Centro Eucarístico Lucense. As obras premiadas serán publicadas.
Os premios contarán con dúas categorías -adultos e infantil-
Os gañadores dos poemas seleccionados serán invitados a ler a súa obra na Summa Poética -acto de música e poesía- que terá lugar antes da celebración das Vésperas Solemnes da Ofrenda.