Queridos irmáns:
ó inicio deste tempo de Coresma encontrámonos invitados por Mans Unidas a participar na súa “Campaña contra a fame”, que ten por lema este ano “Contra a fame, defende a Terra”.
Nalgúns de nós podería surxir a pregunta, ¿tén isto algo que ver coa miña vida concreta?, ¿non temos xa nós mesmos suficientes problemas económicos na actual situación de crise? , ¿non sabemos xa de sobra que temos que coidar a Terra?
Certamente, se os problemas relativos ás situacións de inxustiza en que viven moitos dos nosos irmáns -a falta de auga potable, de alimentos, de menciñas, de educación, por exemplo- se debese só a factores externos a cada un, poderiamos concluir que non estamos interpelados persoalmente, máis alá do natural sentimento de indignación ante a inxustiza e do impulso de solidariedade que brota no corazón.
Sen embargo, a orixe última do mal e da inxustiza do noso mundo encóntrase na liberdade, xorde do íntimo da persoa. Os homes somos fráxiles e, se por natureza estamos abertos ó compartir, ó amor ó próximo, “unha estraña forza de gravidade” (Benedicto XVI, Mensaxe para a Coresma 2010) lévanos a repregarnos sobre nós mesmos, a querer impoñernos os uns por enriba e contra os outros.
Corremos incluso o risco, hoxe en día, de que se impoñan na nosa maneira de pensar aquelas ideoloxías contemporáneas que insisten en entender o mundo e a vida humana coma unha loita de todos contra todos, canonizando o egoísmo como norma básica do comportamento.
En cambio, a fe ensínanos con claridade o que a razón e o corazón no fondo saben ben, que esta profunda cerrazón sobre si mesmos é a orixe das nosas inxustizas. ¿Deamos grazas a Deus, que nos liberou deste egoísmo, volcándose con nós nun amor sen medida, que culmina na cruz e na resurrección! A Pascua, que celebraremos, é a victoria definitiva sobre a inxustiza, da que nós podemos xa participar.
Sabemos, en efecto, que se Deus está atento ó noso grito, á nosa desgraza, como resposta pide tamén de nós xustiza co pobre (cf. Si 4,4.5,8-9), co forasteiro (cf. Ex 20,22), co escravo (cf. Dt. 15,12-18).
Abandonar a nosa autosuficiencia e recoñecer o amor do Señor, alegrarnos de acollelo nos sacramentos da Penitencia e da Eucaristía, faranos capaces de compartir, de entrar en comuñón co próximo.
A este amor activo e eficaz invítanos de novo a “Campaña contra a fame”, que nos recorda así o esencial da nosa identidade e da nosa fe cristiá. En ningunha circunstancia nos é dado olvidar ou abandonar o amor, sen que a presenza de Deus e a esperanza da nosa salvavación se escurezan, e sen que diminuán ó mesmo tempo as posibilidades de rexeneración da nosa mesma sociedade.Sen a fe , que actúa na caridade, faise incerto o noso futuro.
Que este tempo de Coresma nos axude a mirar ó Señor con maior liberdade, menos suxeitos a prexuizos interesados, e a ser testemuñas do seu amor tamén nestes tempos de crise. Rexeitar a inxustiza, simbolizada na fame, e compartir segundo a medida das nosas posobilidades non nos fará máis pobres, senón que dará vigor ás nosas almas e ás nosas vidas.
Será un xesto daquela xustiza máis grande, que todos necesitamos e que o Señor Xesús nos trouxo ó mundo, a xustiza do amor (cf. Rm 13,8-10); “a xustiza de quen en calquera caso se sente sempre máis deudor que acreedor, porque recibiu máis do que podía esperar” (Benedicto XVI, Mensaxe).
Que a santísima Virxe María, Nai de misericordia, nos alcance do Señor cumprir esta “obra boa”, para que nós experimentemos de novo que hai máis felicidade en dar que en recibir (cf. Hch 20,35), e o mundo poida recoñecer a grandeza e a fecundidade inesgotable do amor de Deus, Pai, Fillo e Espírito Santo.
+ Alfonso Carrasco Rouco, Obispo de Lugo