ANTE A LIII CAMPAÑA DE MANS UNIDAS 2012 (GAL)


Queridos irmáns,

co slogan A saúde, dereito de todos: actúa!, Mans Unidas celebra a súa campaña deste ano 2012.
Todos coñecemos a importancia da saúde, e que significa estar enfermos. Os sufrimentos que implica son corporais e espirituais, moitas veces grandes, conmoven tamén aos que queren ao enfermo e afectan incluso á vida e o futuro de persoas e familias.
E sabemos igualmente que necesario, que urxente sentimos entón recibir coidados, encontrar atención médica, ser acompañados e queridos. Non quedar insensible ante o sufrimento é unha esixencia elemental da nosa humanidade.

Ante a enfermidade maniféstase radicalmente o corazón da persoa, o noso corazón; así como os nosos límites. E acentúase a percepción da nosa vulnerabilidade, de que non posuímos de modo definitivo o noso ser, os nosos corpos e a nosa vida; que son un don, unha riqueza inmensa que recibimos e á que non saberiamos renunciar. No desexo profundo do corazón e coa luz maior da fe, confiamos en Deus, Aquel que nos deu a vida, para non a perder para sempre.

A saúde e a enfermidade é, pois, un lugar primeiro en que somos interpelados persoalmente cada un, e tamén polos nosos irmáns. Aquí ha de realizarse o mandamento do Señor: ama o teu próximo como a tí mesmo.

A esperanza que temos para a nosa vida, a alegría con que acollemos o don divino do noso ser e existir, maniféstanse no amor e o coidado do próximo. E isto realízase de modo privilexiado na saúde e a enfermidade.

A campaña de Mans Unidas, como un instrumento singular en medio da nosa Igrexa, invítanos a vivir a nosa fe, a expresarnos en xestos de caridade concreta, pensada e organizada, buscando procurar ao noso próximo este ben fundamental.

Ao mesmo tempo daremos testemuño ao noso arredor, e a nosa sociedade, dunha forma de mirar ao home e a vida, en que a salvagarda da súa dignidade e dos seus bens fundamentais se converte en criterio primeiro de acción, e en que a solidariedade e a atención mutua brotan do corazón, sen reducirse ao cumprimento de obrigas máis ou menos recoñecidas.

Participar na campaña de Mans Unidas, estendendo esta percepción do home, é moi necesario na nosa sociedade, en que moitas veces se actúa e se propaga unha concepción meramente utilitarista e hedonista da vida, na que se esquece a dignidade de quen non é poderoso ou forte, quizais porque está enfermo e depende de nós.

Así contribuiremos tamén a que as nosas institucións políticas e as grandes forzas científicas e económicas do noso mundo fagan propios estes criterios de acción, esta mirada cargada de fe e de amor ao home.
Este é certamente o camiño para unha maior colaboración con outros pobos e países, que faga posibles o coidado e a defensa integral da vida; pero é tamén para a nosa propia sociedade, que se enfronta a desafíos culturais e a dificultades económicas grandes.
O exercicio da caridade será un ben para nós mesmos, como persoas e como pobos. A campaña de Mans Unidas é unha ocasión singular para realizalo, acompañándoo ademais da reflexión e o testemuño públicos. Por iso, demos as gracias a todas e a todos os que gratuitamente se entregan a esta obra boa en favor dos seus irmáns. Deus, que escoita a voz do máis pequeno e máis só, pagarállelo.

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo