Estamos na semana grande de Mans Unidas, organización da Igrexa en España que loita contra a fame no mundo desde hai xa case 65 anos.
O lema da campaña deste ano, «frear a desigualdade está nas túas mans», convídanos, unha vez máis, a facernos responsables da situación e a pór todo o que está nas nosas mans para cooperar co desenvolvemento dos lugares máis empobrecidos e excluídos do planeta.
Este lema lévanos a pensar naquelas palabras de Xesucristo, «dádelles vós para comer», e noutros moitos milagres nos que liberaba das distintas escravitudes aos que se achegaban a El.
Non se trata de encher estas liñas con datos das persoas que pasan fame no mundo ou das que non teñen acceso á sanidade ou á educación. Sabemos dabondo que non todas as persoas teñen nin os mesmos medios nin as mesmas oportunidades. Aínda que estamos na era da información, agora non se fala destas cousas nin vemos imaxes na televisión de nenos esfameados nin co ventre inchado como hai anos. Pero que non se vexan non quere dicir que non existan.
Non podemos autoenganarnos con iso de que «ollos que non ven, corazón que non sente», porque a realidade é a que é e denúncianos: a desigualdade converteuse na maior ameaza e o maior desafío mundial. Para moitas persoas, pensar en desigualdade e en fame é pensar nun reto imposible, un problema sen solución ante o que non se pode facer nada.
A obrigación, polo menos moral, de axudar aos demais é algo natural no ser humano. O normal é que as persoas nos axudemos na medida das nosas posibilidades. En principio non necesitariamos máis alicientes para facelo, abondaría unicamente co sentimento humanitario.
Pero os cristiáns temos unha motivación máis e maior, xa que Xesucristo veu poñer os medios para alcanzar unha nova orde para os homes: o Reino de Deus, que, como di un dos prefacios da Misa, é «un reino eterno e universal, o reino da verdade e da vida, o reino da santidade e a graza, o reino da xustiza, o amor e a paz».
Trátase dun Reino xa inaugurado, pero que chegará á súa plenitude até o fin dos tempos. Estamos aínda en camiño, mais queremos vivir xa desde agora e adiantar ao tempo presente as condicións dese Reino, que está chamado ser plenificado: que todo o mundo poida vivir en xustiza, amor e paz. Ou, dito doutro xeito, que todos, sen excepción, podamos ter os medios suficientes para levar unha vida digna no material e o espiritual.
Con todo, Deus, aínda que fai milagres, non fai maxia. As nosas mans están chamadas a ser as mans de Deus. Deus pensounos autónomos e deunos a capacidade de loitar coas nosas propias mans contra a fame, a desigualdade e as inxustizas.
Por humanidade, como colaborador do Creador, como anticipo do Reino de Deus, frear a desigualdade está nas túas mans. Colabora con Mans Unidas!
Miguel A. Álvarez – Consiliario diocesano de Mans Unidas