Este próximo domingo, 2 de xuño de 2013, celebraremos a gran solemnidade do Corpus Christi. O marco do Ano da fe, proclamado por Benedito XVI, invítanos este día a volver a mirada máis verdadeiramente ao Santísimo Sacramento, para recoñecer de novo que a presenza eucarística do Señor encerra o fundamento da nosa esperanza e ha de ser cada vez máis o criterio da nosa forma e estilo de vida.
Agora ben, a forma que se segue da comuñón con Xesús sacramentado é o agradecemento e a caridade. Por iso, a procesión de Corpus polas rúas das nosas cidades é, ante todo, unha manifestación de fe no noso Señor e á vez unha proclamación da caridade, como principio do noso xeito de vivir. O día de Corpus é o "Día da Caridade", publicamente profesada polos crentes.
As circunstancias do noso tempo, as dificultades polas que pasan moitos entre nós, pídennos con urxencia particular que esta profesión de fe renove tamén a nosa vida en todos os seus aspectos segundo a caridade verdadeira.
Non é posible vivir segundo esta lei evanxélica do amor nun aspecto da existencia e non noutro, no privado e non no público, na intimidade familiar e non no traballo. De feito, sempre vivimos poñendo en xogo a nosa conciencia e liberdade, e é a nosa propia conciencia quen sofre en primeiro lugar, cando rexeitamos vivir segundo a fe nunha dimensión ou outra da existencia, e é tamén na nosa conciencia onde experimentamos a liberación ao aceptar vivir segundo a verdadeira caridade.
Este ano interpélanos, en particular, o número moi elevado de irmáns desempregados, parados, que viven ás veces situacións dramáticas, sen posibilidade de prover a necesidades tan básicas como o alimento ou a vivenda.
O esforzo primeiro da nosa caridade será non pasar de longo ante o próximo e axudalo nas súas necesidades máis inmediatas. Iso sucede de moitas maneiras, individuais e caladas ás veces, máis organizadas nas nosas comunidades parroquiais e nas suas "Caritas" outras veces. Esta é unha forma de solidariedade, de fraternidade, elemental e imprescindible. Por iso, todos estamos chamados a facer un esforzo particular na colecta de Caritas, como unha forma primeira de compartir realmente no amor.
Pero á caridade correspóndelle tamén preocuparse pola xustiza e a solidariedade na vida común, no público e, concretamente, no ámbito do traballo.
Sen iso, non sería plenamente real o compromiso cos demais, cuxa situación de pobreza provén moitas veces da falta de traballo, ou do abuso que sucede en ocasións ante a necesidade urxente que viven moitos, cando se lles nega, por exemplo, un xusto salario.
A caridade esixe a xustiza no ámbito da vida pública, no ordenamento democrático e no económico. E en concreto, esixe que a sociedade se organice en vistas de facer posible o dereito ao traballo, consecuencia da obriga primeira de gañar o pan "coa suor da fronte", e un traballo "que sexa expresión da dignidade esencial de todo home ou muller" (Benedito XVI, Caritas in veritate, 63).
Pero a caridade pídenos tamén a cada un que saibamos compartir, de diferentes maneiras, no ámbito do traballo. Sabemos "que é traballando como se debe socorrer aos necesitados" (Feit 20,35); pero non esquezamos, sobre todo nas actuais circunstancias, que "tamén a propiedade se xustifica moralmente cando crea, nos debidos modos e circunstancias, oportunidades de traballo e crecemento humano para todos" (Xoan Paulo II, Centesimus annus, 43).
Que a celebración do "Día da Caridade" nos leve este ano a repensar á súa luz a nosa vida especialmente no ámbito laboral, e a saber estar preto e compartir con aqueles que sofren o paro.
Que vivamos as festas do Corpus como memoria do esencial da nosa fe, do Don do Señor por nós, para que comprendamos mellor como todo o que temos é un don que recibimos. Miremos así neste día de festa ás nosas familias e aos nosos seres queridos, á vida e aos talentos que Deus nos dá. De modo que, movidos polo Seu amor xeneroso, manifesto no esplendor calado do sacramento da Eucaristía, saibamos tamén nós dar con alegría, facendo frutificar na caridade o que somos e temos.
+ Alfonso Carrasco Rouco, Obispo de Lugo