CARTA PASTORAL CORPUS CHRISTI 2014 GAL


Queridos irmáns,

Na festividade de Corpus Christi exprésase o cumio da nosa fe. De feito, este día coroa o camiño polo que o noso Señor Xesús levou a cabo a súa obra de salvación, que, partindo do Nadal, celebramos sobre todo ao longo da Semana Santa, na Pascua de Resurrección, na Ascensión e o envío do Espírito Santo en Pentecosté. Así, grazas a El, puidemos crer de novo e verdadeiramente en Deus, na Santa Trinidade, Pai, Fillo e Espírito Santo, como celebramos o pasado domingo. Agora, na gran festa de Corpus, dicimos como nunha palabra abreviada a nosa fe, a nosa esperanza e o noso amor; profesamos firmemente que o noso Deus e Señor segue presente connosco todos os días, alimenta as nosas vidas e ábrenos un camiño novo na historia.
Dende hai moitos séculos sabemos ben en Lugo, na cidade e na Diocese, e igualmente en Galicia, que así é a nosa fe, que Xesús Sacramentado está no seu corazón, que El é a fonte de onde mana vida e amor, esperanza e paz para os homes, tamén pecadores ou necesitados.

1. Neste ano 2014 a celebración de Corpus fainos pensar especialmente na caridade, nas obras e iniciativas en que ha de expresarse o amor verdadeiro e, polo tanto, a fe cando está viva. Porque celebramos o 50º aniversario da erección da nosa Caritas diocesana por Mons. Antonio Ona de Echave, entón Bispo de Lugo. Foi un 4 de xuño, no contexto das festas de Corpus daquel ano.
Aquel xesto segue falándonos a nós hoxe coa mesma claridade de entón. Recórdanos que non diriamos a verdade se honrásemos a Xesús con xestos e palabras, pero non fixésemos caso dos seus mandamentos e das súas obras, se non procurásemos seguilo coa vida. E o seu mandamento é sempre unha novidade para nós, aínda cando sexa xa moi coñecido por todos: camiña na luz da fe quen ama aos seus irmáns e permanece na escuridade quen os odia (cf. 1Xn 2,3-11).
Temos que descubrir cada día que non podemos gozar da comuñón con Deus propia dos cristiáns, se non vivimos na verdade, se escondemos as nosas obras porque non son boas, se mentimos sobre nós mesmos e deixamos no esquecemento ao noso próximo e as súas necesidades.
Na nosa procesión de Corpus camiñaremos profesando a nosa fe ante todos e á luz do día. Pero este seguir ao Señor e camiñar á súa luz significa tamén estar cos ollos abertos en medio do mundo, vendo a necesidade do cambio, na propia vida ante todo, pero igualmente cando se dan relacións inxustas ao noso arredor ou situacións de necesidade ás que convén atender e intentar resolver.
Non podemos escusarnos coas dificultades e as circunstancias do noso mundo, con que todos fan as cousas dun determinado xeito. Menos aínda podemos guiarnos pola soberbia ou pola avaricia do diñeiro, que levan a desprezar ao próximo, a excluílo de participar nos bens da nosa sociedade. Ningún planteamento que nos levase a esquecer a Xesús Sacramentado ou a abandonar ao noso irmán daría froitos bos na vida.
Celebrar o misterio eucarístico é sempre recordar que o noso Señor se sacrificou para perdoar os nosos pecados e unirnos a El, facéndonos a todos fillos de Deus e irmáns que viven segundo a súa nova lei de caridade. A festa de Corpus Christi é a proclamación pública e solemne de que Deus nos amou o primeiro, que nos enviou e nos deu ao seu Fillo, e de que estamos chamados a permanecer sempre neste amor.
Por iso, neste aniversario singular queremos celebrar a festividade de Corpus mirando cara á nosa Caritas diocesana, para dar gracias a Deus polos seus cincuenta anos e para non esquecer que a nosa caridade debe ser concreta, atenta, actual, creativa. E igualmente para ser conscientes de que neste camiño non estamos sós, que somos membros do corpo da Igrexa e que debemos gardar viva esta comuñón, tamén á hora de emprender algunha acción.

2. A nosa Caritas Diocesana leva xa medio século de vida, que son dúas xeracións no camiño da historia. En primeiro lugar, debemos agradecer moito ao Señor que existan persoas capaces de manter a sua fidelidade ininterrompida durante 50 anos. Isto é un chamamento para que tamén nós manteñamos a fidelidade na acción caritativa durante toda a vida que o Señor nos conceda.
Nestes 50 anos houbo certamente fallos, que debemos recoñecer, para intentar emendarnos e mellorar, e sobre todo para non esquecer nunca que a caridade de Cristo é un “tesouro que levamos en vasillas de barro” (cf. 2Cor. 4, 7).
Pero hoxe, nesta efeméride singular, gustaríame recordar cómo dende a sinxeleza da nosa Igrexa e da nosa Caritas Diocesana se iniciaron e se fixeron accións moi valiosas, que transcenderon os límites da Diocese e incluso de Galicia. A modo de exemplo podemos resaltar:
– O proxecto dos Montes en Man Común, iniciado en 1975, polo que supón de promoción e apoio á vida comunitaria e solidaria nos nosos pobos. Foi coma un anticipo do que especifica en 1981 S. Xoán Paulo II cando distingue estatalización e socialización (cf. Laborem exercens, 14)
– O proxecto Vivir na Casa para as persoas maiores, que vén recoñecer o protagonismo da persoa ata o final da súa vida. De Lugo pasou a Caritas Confederal e a crear unha mentalidade na sociedade española para ben das persoas maiores necesitadas.
– Na nosa Caritas Diocesana naceu o programa de educación infantil en defensa dos nenos máis pobres, Preescolar na Casa. Este programa buscaba facer posible a educación e promoción dos nenos na súa casa e no seu entorno, e así posibilitar a promoción conxunta de toda a familia. Este método foi loado pola UNESCO e mesmo foi proposto como modelo para mellorar a tarefa educativa en países empobrecidos. 
– Apoio continuado para que as familias teñan vivenda, porque as persoas teñen que ter unha casa na que constituir un fogar e vivir a súa existencia.
Aínda se poderían resaltar outras accións, pero estas abondan para ver como a fe verdadeira xera cultura e liberación humana cando é vivida na  unidade e na caridade, e acudindo con sinxeleza en axuda dos máis pobres.

3. A presenza dun pobo cristián, que leva no seu corazón a Xesús Sacramentado e sabe adoralo, é a garantía verdadeira de que os abandonados e excluídos encontrarán un lugar e unha man amiga. Isto significan tamén os cincuenta anos de Caritas, que non terían sido posibles soamente sobre a base da boa vontade dalgúns individuos. Do mesmo modo hoxe en día, co seu tecido de obras parroquiais, máis ou menos coñecidas, de voluntarios, de iniciativas e de programas, Caritas segue sendo o símbolo de todo un Pobo, da Igrexa, que fai a súa obra de xeración en xeración, transmitindo e comunicando a fe e tamén a caridade de pais a fillos, de irmáns a irmáns, de amigos a amigos.
Este é tamén un signo dos tempos, indicado polo concilio Vaticano II, en cuxo contexto foi erixida a nosa Caritas diocesana: debemos estar presentes no medio dun mundo cada vez máis unido e globalizado, no que se multiplicaron as relacións entre homes, pobos e culturas, e debemos de estar non só individualmente senón como "pobo de Deus"; para que a nosa presenza faga posibles o encontro, o diálogo e a esperanza para todos os homes, sen aceptar exclusións, divisións ou marxinacións.
Celebramos a festa de Corpus deste ano dando gracias de corazón ao Señor que adoramos, por tanto amor en tantas persoas, porque a gracia e o ben se fixeron presentes na nosa terra de moitas maneiras, simbolizadas por Caritas; e, sen dúbida, dándolle gracias cada un tamén pola moita misericordia e amor con que sostén e anima a nosa vida.
Pedímoslle ademais o don da fidelidade, da perseveranza no amor e nas boas obras, e ante todo da permanencia na comuñón plena con El, como membros vivos do seu Pobo.
E pedímoslle igualmente que manteña ardente en toda a realidade da nosa Caritas aquel amor seu que se entrega sen límites, cargado de sensibilidade e de intelixencia, para comprender as persoas e as situacións, para non vivir ignorantes das necesidades do irmán, nin deixar de procurar responder ás causas dos seus sufrimentos.
Como símbolo mesmo da nosa fe e da nosa pertenza á Comuñón dos discípulos do Señor, á súa Igrexa, recibimos con alegría e acollemos de corazón a mensaxe que nos fixo chegar o noso Papa Francisco. Invítovos a todos a facelo propio, como palabra que nos vén daquel a quen o Señor Xesús encomendou a misión de confirmarnos na fe e de presidirnos no amor.
Así celebraremos este Corpus singular de 2014, unidos na fe no Señor, seguindo docilmente ao Sucesor de Pedro, e deixándonos interpelar polos exemplos e as urxencias da caridade.
Co meu afecto e bendición
 

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo