Benqueridos irmáns,
Un ano mais o ciclo da nosa liturxia convídanos a celebrar solemnemente a festa do Corpus Christi, que é tamén o Día Nacional da Caridade, e a recoñecer así con gratitude a Presenza real de Cristo nas nosas vidas.
Na Sagrada Forma, que neste día adoramos publicamente, faise presente o Señor Xesús como alimento da nosa condición de Fillos de Deus, que nos permite vivir na unidade con El e como irmáns entre nós. Festexamos así á luz do sol o misterio do que fala aquela veliña que está acendida todos os días ao lado do Sagrario nas nosas parroquias, a Presenza salvadora de Cristo baixo as especies de pan e de viño, como amor divino que ilumina e guía o noso diario vivir fraternal.
Neste Día estamos especialmente invitados a deixar que a caridade impregne e dea forma ás nosas relacións e a toda a nosa vida, nas familias e nas aldeas, vilas ou cidades. As nosas Cáritas –e todas as outras actividades caritativas das nosas parroquias– axúdannos a gardar viva en nós esta conciencia, a saber que Cristo está presente en cada irmán, e en primeiro lugar en quen máis necesita de nós, por ser pobre, perseguido ou refuxiado, por estar enfermo, por sentirse abandonado ou só, por ter problemas, ás veces causados polo propio pecado. Adorando ao Santísimo Sacramento, a entrega do Señor pola nosa salvación, teremos sempre certeza de que servir ás persoas que sofren é servir ao mesmo Cristo.
Podemos recordar a este respecto unhas palabras do Papa Paulo VI, de quen se vai recoñecer oficialmente a santidade o próximo 2 de outubro, pronunciadas na Santa Misa do 23 de agosto de 1968 no Congreso Eucarístico de Bogotá:
“Viñemos a Bogotá para render honra a Xesús no seu misterio eucarístico …, chegando tamén agora ata aquí para celebrar a presenza do Señor entre nós, no medio da Igrexa e do mundo, nas vosas persoas. Sodes vós un signo, unha imaxe, un misterio da presenza de Cristo. O sacramento da Eucaristía ofrécenos a súa escondida presenza, viva e real; vós sodes tamén un sacramento, é dicir, unha imaxe sagrada do Señor no mundo, un reflexo que representa e non esconde o seu rostro humano e divino. … Toda a tradición da Igrexa recoñece nos Pobres o Sacramento de Cristo, non certamente idéntico á realidade da Eucaristía, pero si en perfecta correspondencia analóxica e mística con ela. Polo demais Xesús mesmo díxonolo nunha páxina solemne do evanxeo… (Cf. Mt 25, 35 ss)”.
O lema das Cáritas Españolas para este Día Nacional da Caridade é, “O teu compromiso mellora o mundo”. Quere ser expresión daquela mesma caridade que todo o soporta e que non acaba nunca, coa que o Señor se entregou por nós e que nos comunica sempre na Eucaristía. Nela Xesús Sacramentado renova sempre o mandato de continuar a súa misión, ir a predicar a Boa Nova da Salvación con palabras e con feitos a todas as xentes, con especial atención aos máis pobres.
Na festividade de Corpus celebramos a alegría da constante presenza de Cristo na nosa historia, da súa cercanía agarimosa. Que este sexa un día para darlle as grazas, para pedirlle que renove a nosa fe e nos dea saber imitalo na vida, para confiarlle o noso ben, o dos nosos seres queridos e o do noso pobo.
Que neste día de Corpus o Señor bendiga a cada un, as nosas casas e familias!
Feliz festa do Corpus Christi!
+ Alfonso Carrasco Rouco