O venres 24 de marzo, o salón de actos do Seminario de Lugo, acolleu o comezo das xornadas "Experiencia de Deus a través da arte: música e cinema". O director de orquestra e compositor de música sacra Ignacio Yepes, foi o encargado de dirixir a primeira ponencia.
Yepes expuxo a necesidade de afastar a idea de que a música é para unha elite, ou que se necesita ser un entendido para apreciala. En realidade “a música é para todos e ninguén ten a franquicia de decidir o que hai que sentir, entender, oír, senón que cada un é dono do seu propio sentimento, da súa propia sensación ao escoitar algo”, afirmou. Ademais, na súa intervención, o compositor puxo exemplos musicais nos que, segundo el, se manifesta o perdón, a ledicia, a morte ou o amor de Deus.
Ás 20 h a capela maior do Seminario acolle o concerto didáctico “Stabat mater de Joseph Haydn” a cargo da orquestra Terra Nova.
As xornadas conclúen na mañá do sábado 25 de marzo. José Mª González Ochoa, da Fundación SM, será o encargado de desenvolver o tema da presenza de Deus no cine actual.
D. MARCOS TORRES GÓMEZ