Início / Menu Diócesis / Noticias

Coñecendo máis o mosterio de Carboeiro


O sábado 23 de setembro levouse a cabo unha actividade programada polo museo de Pontevedra con motivo do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos a modo de ‘xeira’ polas terras de Trasdeza, na comarca pontevedresa do Deza. Nesta ocasión estivo centrada no mosteiro silledense de San Lourenzo de Carboeiro.

A xornada incluíu a visita, unha camiñada arredor do mosteiro e unha conferencia a cargo de Francisco Prado-Vilar, investigador da Universidade de Santiago de Compostela e do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Culturais Atlánticas). Centrouse na historia recente da igrexa do mosteiro mostrando imaxes inéditas do seu estado e evolución durante o século XX.

De gran interese é a investigación que Prado Vilar está a levar sobre o roubo e desaparición dos relevos do tímpano occidental da igrexa do mosteiro, propiedade da Diocese de Lugo, dende a desamortización do século XIX, e que figuran nos fondos do Museo Marés de Barcelona. Os documentos de arquivo e a información que manexa Prado Vilar demostran o roubo do 1957 e a súa inmediata denuncia. Estes feitos, a criterio do investigador, ilexitiman calquera transacción posterior. Postura que comparte o concello de Silleda, propietario das antigas dependencias monacais, e a Diocese de Lugo, propietaria da igrexa do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro.