COROACIÓN PONTIFICIA – SANTÍSIMA VIRXE MARÍA DE O CORPIÑO

Lo último del obispo


Quen son eu para que me visite a Nai do meu Señor?
Estas palabras de Isabel, nai de San Xoán Bautista, resoan hoxe aquí de maneira moi especial. Tamén para nós fíxose realidade dalgunha maneira a narración evanxélica: María  levantouse e púxose en camiño cara á montaña, veu un día de S. Xoán a visitar aos seus nesta montaña, como unha nai aos seus nenos, sen refuxio e temerosos ante a tempestade.
E, como entón a Isabel, a súa presenza falounos de Deus, do seu Fillo, que cumprira xa a obra da redención e en quen nos pedía confiar: facede o sinal da cruz. Lembrábanos así a Xesús o Señor, a súa morte e a súa resurrección, a vitoria conseguida no noso favor, a esperanza e o consolo que se atopan Nel.
É a mesma Virxe María que foi a casa de Zacarías, pero xa coa vida cumprida, con toda a súa historia, Nai de Deus convertida en Nai nosa ao pé da cruz. Ela proclama de novo, para nós, as obras grandes do Señor, fálanos dunha graza inmensa, que vence todo mal e sostén en toda tempestade; pero adquirida a caro prezo, o do sangue do Fillo querido, o da entrega e o sacrificio tamén de todo o seu corazón de nai, atravesado pola espada da dor e da angustia. Non é unha graza barata, non son consolos e palabras fáciles, tras as que esconderse ante a dureza do sufrimento ou a escuridade do pecado e da morte. É unha graza lograda por un corazón vencedor na batalla, é froito da cruz.
Por iso, como di Pío XII, a Virxe María, Nai de Deus e nai nosa, reina en todo o mundo con maternal corazón (Ad caeli reginam). É dicir, co seu corazón inmaculado, que permaneceu cheo de graza sempre, desde os gozos do nacemento aos misterios dolorosos da paixón e da cruz, e na alegría colmada da vitoria do seu Fillo, vendo como El, resucitado e glorioso, comparte cos seus irmáns o seu amor triunfante sobre o mal e a morte.
Xesús, a quen foi dado todo o poder no ceo e na terra, non ten mellor e máis elocuente reflexo que o corazón da Virxe María. Ante ela comprendemos mellor ao Señor: a vitoria da cruz, do Fillo de Deus e fillo do home, non é a dun amor pouco humano, senón totalmente acorde coa verdade do noso corazón, salvándoo e potenciándoo sen límites e para sempre. E isto realízao El en primeiro lugar na Virxe, naquela que é ante todo e para sempre a súa Nai. Por iso hoxe nós recoñecemos: o maternal corazón de Santa María, glorificado por Cristo, reina no mundo; non é raíña de ceos e terra ningunha outra persoa humana, ningún outro corazón.
Ela, con todo, repítenos: facede o sinal da cruz. Desexa con toda a alma que non confundamos a grandeza do don, a largueza da misericordia, con algo de pouco valor. Porque é de caro prezo, custou todo o corazón, a entrega e o sacrificio de toda a vida. A Virxe Santísima reina, vencedora, á beira do seu Fillo, con corazón maternal, reflexo único da misericordia de Deus, coñecedora da debilidade e os sufrimentos do home, do peso das moitas cruces da vida. 
Coroando hoxe solemnemente esta imaxe da Virxe, o noso pobo proclama a súa fe e o seu agradecemento. Recoñecemos en primeiro lugar que este é o verdadeiro reinado, este o verdadeiro poder, que se abaixa ata o pobre e o humilde, o caído polo peso do seu pecado, e que é capaz de sandar e levantar ao desvalido, ao necesitado, ao derrotado polo mal.
E damos grazas de corazón, porque a Santísima Virxe María fixo brillar aquí a vitoria do amor divino. Cantas persoas, cantas penas, cantas esperanzas atoparon aquí resposta e consolo! Cantos se sentiron fillos queridos, soubéronse coñecidos e amados polo Señor e pola súa Nai, puideron atopar e vivir a fe! En cantas casas e familias entraría un sopro de paz, de ben, por grazas recibidas por mediación da Virxe María aquí en O Corpiño! 
Disto fálanos a coroación hoxe desta imaxe: do misterio de tantísimos corazóns agradecidos, confiados, sabedores do abaixamento admirable do Amor de Deus, recoñecido na vinda da Virxe a este lugar: Quen son eu para que me visite a Nai do meu Señor?
O acto que hoxe realizamos é froito da devoción e do querer de todo un pobo crente. Tantísimos fixérono posible, de moitas maneiras, colaborando en mil modos ata hoxe mesmo; pero sobre todo querendo, desexando honrar á Nai do Señor, gardando vivo o afecto por ela a través dos días e dos anos, e querendo dar grazas a Deus polo don tan especial de ofrecernos como nai nosa á súa propia, para que sexa vida, dozura e esperanza nosa neste val tantas veces de bágoas.
Todo nesta coroa é froito do corazón dos fieis. Sabemos que, como dicía San Pedro, a nosa fe é máis preciosa que o ouro, que se aquilata a lume. Pois cada gran de ouro doado en cada medalla ou pendente ou xoia familiar, é unha pinga de fe verdadeira, aquilatada moitas veces tamén ao lume da paciencia e o sufrimento, e máis valiosa que todas as riquezas materiais. 
Como a fe é máis preciosa que o ouro, así a graza de Deus e a presenza da Virxe é máis preciosa que todas as coroas. Que esta sexa só expresión de agradecemento e de amor filial, testemuño dado pobremente cos nosos medios da grandeza e da beleza da Virxe María, exaltada por Deus como raíña de ceos e terra, amada infinitamente por El, que foi acollido por Ela de todo corazón cando neno, e acompañado por Ela sempre, ata a cruz e na soidade daquel único Sábado Santo, ata que puido volver visitala, cheo de vida inmortal, vencedor sobre todas as tempestades e o mal do mundo. 
Contemplando a coroa que recibe hoxe a súa imaxe, non esquezamos nunca que todo o esplendor, a beleza e a gloria da Virxe brotan do seu corazón cheo de graza, e pidámoslle sempre que volva a nós o seu rostro e a súa mirada materna. E lembrando as súas palabras, ditas aquí a quen son ou poden facerse como nenos, non separemos nunca a vida e a gloria das armas vitoriosas da cruz.
Santa María, nosa Señora de O Corpiño, roga por nós.
 

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March