SOMOS UNHA GRAN FAMILIA CONTIGO
Día da Igrexa diocesana 2016
Queridos irmáns,
Todos sabemos que nunha familia o máis importante non son o diñeiro e as contas, senón os vínculos que nos unen, a común pertenza, salvagardada pola confianza, a axuda mutua, o afecto e a compañía.
Isto somos na Igrexa, unha gran comunidade, unha familia, que renova os seus lazos de fe e de amor cada domingo, que se acompaña para poder vivir ben os desafíos da vida, coa luz da verdade que nos vén do Evanxeo e coa axuda dos irmáns.
Precisamente porque formamos unha gran familia, tamén poñemos en común e falamos das nosas contas, das obras que necesitan as nosas casas –os nosos templos–, do diñeiro de que dispoñemos ou necesitamos. Este é un gran signo de unidade, porque no uso dos recursos materiais exprésase a liberdade de cada un.
Destes recursos que poñemos en común –de tempo, de traballo e colaboración, de diñeiro e outros bens materiais– unha parte importante está dedicada a compartir con quen o necesita, aínda que non sexa ou non se sinta parte das nosas comunidades e parroquias, da nosa Igrexa en Lugo.
Pero así aprendemos a vivir como irmáns e a amar ao próximo. Aprendemos a dar e a recoñecer que todos recibimos moito; que somos quen somos polas achegas incontables da nosa gran familia e, no fondo, de Deus, o Señor, de quen nos vén todo ben, porque nos dá a vida, a graza que a enriquece e sostén, a misericordia que a sana, e a esperanza de chegar a alcanzala en toda plenitude.
Non nos retiremos desta gran familia que é a nosa Igrexa, considerémola cousa propia, vivamos no seu ámbito, renovando sempre os afectos máis verdadeiros, a fe e a caridade, e compartindo as súas alegrías e as súas penas, tamén as súas necesidades.
Neste “Día da Igrexa Diocesana” celebremos, pois, que xa non estamos sós, senón que temos unha casa, un Pai e uns irmáns, e o amparo dunha Nai celestial. Lembralo, participar, compartir, con liberdade, é unha alegría para cada un e para todos, pois nada produce maior gozo que “convivir os irmáns unidos… Alí manda o Señor as bendicións, a vida para sempre” (Sal 133, 1.3)
+ Alfonso Carrasco Rouco, Obispo de Lugo