DÍA IGREXA DIOCESANA 2019


SOMOS UNHA GRAN FAMILIA CONTIGO
Sen ti non hai presente. Contigo hai futuro
Día da Igrexa diocesana 2019

Queridos irmáns,
Lembramos nesta Xornada da Igrexa Diocesana que somos unha gran familia. Ser cristiáns non é simplemente conservar algunhas tradicións culturais ou ser dunha opinión particular en temas morais. Antes que todo iso é pertencer a unha “gran familia”, aberta ao mundo e non pechada a ninguén, porque a vida que recibimos non ten límites nin fronteiras, nace do Amor creador do Pai e da entrega do Señor por cada un de nós.
Como dixo Xesús: quen fai a vontade do meu Pai é a miña nai, o meu irmán e a miña irmá. Acoller a Xesucristo na fe fainos irmáns, por encima de toda diferenza ou distinción. Somos unha familia, na que somos amados, aprendemos a ser persoa e a camiñar cara á perfección no amor, recibimos intelixencia para estar no mundo.
Pero ser familia é algo concreto. Significa persoas coñecidas, relacións fundamentais, tempos e lugares. Sen esta “familia diocesana”, sen ser comunidade real e palpable, a fe non sobrevive realmente. Isto significa tamén que, sen a persoa de cada un, sen a súa presenza e participación, sen compartir xuntos a fe e as necesidades de cada día, esta “familia” non se fai real entre nós.
Estar, permanecer, acudir, axudar na nosa parroquia e comunidade, é decisivo; molestarse, se fose necesario, para ir á Misa dominical, resulta imprescindible. Cambiará o noso ser comunidade ou parroquia, cambiará a nosa vida. A opción polo illamento ou a soidade, non moverse para estar e celebrar cos irmáns, terá xustificacións circunstanciais ou momentáneas, pero a longo prazo é un erro, é abandonar a casa do Señor. O presente desta nosa “Igrexa diocesana” depende, pois, de cada un; sen nós, a fe no Evanxeo non ten carne real: sen ti non hai presente.
Pola contra, contigo hai futuro. Unidos, como membros da “familia de Deus”, onde El é o Pai e todos somos irmáns, que nos sentamos á Mesa eucarística que Xesús o Señor nos prepara, descubriremos mil posibilidades de camiño, de compañía e sostén mutuo nas festas e na vida cotiá, no sufrimento e no dó; pero tamén posibilidades de iniciativas novas, de protagonismo na nosa Igrexa, de presenza e de intervención eficaz, intelixente e caritativa, no mundo.
Aínda que nos vexamos pequenos, a nós mesmos ou á nosa comunidade, á nosa “familia eclesial”, non teñamos medo. Todas as riquezas de vida e de verdade veñen de Deus; e El fai cousas grandes cos humildes, tamén connosco: contigo, con El, hai futuro, fecundidade e alegría.
Coidemos, pois, este ser “familia” da nosa Igrexa diocesana en Lugo, achegando ante todo esa gran riqueza -aínda que estea escondida- que é a nosa persoa, o noso corazón e as nosas mans. E esteamos sempre seguros de que o Pai, que é bo, saberá colmar de bens aos seus fillos que lle piden pan, e sen tardar.
Que Santa María, a Virxe dos Ollos Grandes, nos faga sentir a todos sempre o seu amor maternal e os seus coidados; que garde en nós e faga crecer o afecto verdadeiro pola nosa “familia eclesial”, pola nosa parroquia e a nosa Igrexa en Lugo.

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo