Início / Menu Diócesis / Noticias

Elixir configura a vida


Esta afirmación é de aplicación para toda persoa humana en calquera situación, pois mesmo non decidir é unha elección. As condicións libres para decidir deben ser: unha aspiración constante para ampliar os horizontes do vivir humano e unha realidade que estea na base das decisións xa tomadas.

Os migrantes e refuxiados son unha preocupación constante na Igrexa, xa que son persoas afectadas por inxustizas e sufrimentos, tamén en situación de empobrecemento. Por iso non estraña que o 24 de setembro fose a 109 Xornada Mundial dos Migrantes e Refuxiados, o que manifesta un compromiso constante con eles a prol da súa liberación e emancipación.

O lema elixido para a xornada deste ano é: “Libres para elixir se migrar ou quedarse”. Este lema pon o eixo da vida social na LIBERDADE como base fundamental do vivir humano. Esta demanda de liberdade supón unha esixencia para moitas institucións que destaco a continuación:

a) Para os gobernos dos países tanto de emigración como de inmigración, co que a ambos se lles demanda que posibiliten as condicións necesarias para que nos países respectivos haxa esa liberdade. A centralidade da liberdade leva consigo a denuncia das ditaduras que a queren impedir mesmo por lei. A algúns deses réximes hoxe se lles chama “iliberales”, cunha linguaxe politicamente neutra para que pasen máis ben desapercibidos.

b) Tamén supón esixir que na relación entre os estados desapareza todo colonialismo e imperialismo. Ese tipo de relación de dominación debe ser desterrada para pasar a unhas relacións de colaboración entre os diversos países.

c) A demanda de liberdade é un chamamento a todas as institucións internacionais para que fagan xustiza no planeta, e esta posibilite un auténtico desenvolvemento dos países en todos os lugares, así como que se garantan as condicións socioeconómicas necesarias para un exercicio real da liberdade para todas as persoas. É unha tarefa esixente dadas as realidades que vemos no noso arredor. As institucións cos seus representantes non poden dimitir desa responsabilidade compartida e inaprazable.

d) Igualmente pon de manifesto o necesario compromiso que toda persoa de boa vontade e todos os cidadáns temos para traballar a favor da liberdade de todas as persoas da humanidade. Isto esixe que promovamos o ben común mundial.

A mensaxe do papa Francisco deste ano 2023 chámanos a comprometernos contra as causas das migracións forzadas ao dicir: “Entre as causas máis visibles das migracións forzadas contemporáneas atópanse as persecucións, as guerras, os fenómenos atmosféricos e a miseria. Os emigrantes escapan debido á pobreza, ao medo, á desesperación. Para eliminar estas causas e acabar finalmente coas migracións forzadas é necesario o traballo común de todos, cada quen de acordo coas súas propias responsabilidades“.

É de xustiza que todos traballemos en garantir a participación equitativa de todos no ben común, no respecto aos dereitos humanos fundamentais e no acceso ao desenvolvemento humano integral. Ao migrante débeselle garantir que poida tomar a decisión con información correcta e condicións serenas. Hoxe faise necesario reivindicar o dereito a non ter que emigrar e a poder vivir na propia terra con paz e dignidade.

A poboación estranxeira en España achégase o 14 % e en Galicia supera o 4 %, aos que se poderían sumar os xa nacionalizados como españois. Viven en situación irregular administrativa uns 500.000, sendo uns 150.000 menores de idade.

Na cultura europea dende o nacemento de Xesús nun cortello e deitado nun pesebre cerca de Belén sábese que a intemperie é o lugar de Deus. A fuxida de Xesús a Exipto e a súa afirmación de que “fun migrante e acolléstesme” convérteo no inmigrante por antonomasia, e acompaña aos migrantes nas rutas migratorias, nos CIE, nas deportacións… Xesús na Cruz móstralles unha radical solidariedade.

É tarefa humanizadora para toda persoa “ser facedor de pontes de encontro” entre persoas, culturas, relixións e países, cada un ao seu nivel de responsabilidade. Niso haberá que superar os medos e o etnocentrismo sendo conscientes de que só hai unha única humanidade.