Início / Menu Diócesis / Noticias

Encontro interdiocesano dos responsables da pastoral familiar


Santiago de Compostela acolleu este pasado mércores, 6 de xullo, un encontro de representantes de distintas realidades das dioceses de Galicia: delegacións de Familia, Centros de Orientación Familiar diocesanos, institucións eclesiais de apoio á familia e atención a menores e persoas vulnerables.

A reunión, convocada polo bispo auxiliar da arquidiocese compostelá e responsable da pastoral familiar en Galicia, Mons. Francisco José Prieto, tivo como fin xerar un espazo de encontro e reflexión conxunto para artellar actuacións que melloren a acollida, a escoita e o acompañamento ás familias e a tódalas súas realidades. Aínda cando cada diocese conta con distintos recursos e proxectos no ámbito familiar, os bispos da Provincia Eclesiástica queren sumar recursos en clave de “sinodalidade interdiocesana” creando unha "rede de traballo" da que se explicaron as claves. Ademais, os asistentes diocesanos puxeron en común os distintos servizos cos que conta cada diocese e anilizáronse os recursos dos que se dispoñen e as necesidades ás que é necesario facer fronte.

Esta actuación inicial marca un punto de partida de toda a labor que se levará a cabo nos seguintes meses nos que se pretende elaborar unha proposta interdiocesana concreta así como a posterior creación dun equipo coordinador.