O "Festival internacional de Órgano" nace co desexo de solemnizar a festa do Corpus Christi, que se celebra en Lugo de modo singular.
Nesta cidade e na súa Diocese, parte determinante do Camiño de Santiago, a fe é comprendida e profesada dende fai moitos séculos a partir do sacramento do Corpo e do Sangue de Cristo, da súa Presenza permanente entre nós. Este saber da entrega amorosa do Señor, totalmente real na Eucaristía, é seguramente a herdanza primeira deixada entre nós polo Apóstolo.
Na música sacra, interpretada ao órgano, resoará a beleza desta Presenza plena, percibida e expresada por artistas ao longo de séculos, e axudarásenos a introducirnos na anchura e a profundidade deste milagre singular do amor, en que se xuntan xa nesta terra Deus e o home.
Pois "a música, verdadeira linguaxe universal da beleza, é capaz de unir aos homes de boa vontade e de invitalos a levantar a mirada cara ao Alto abríndose ao Ben e á Beleza absolutas, que teñen como última fonte Deus mesmo" (Benedito XVI).
+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo
ver mensaje
“Esperta Órgano, sacro instrumento; ti sempre celebrarás ao noso Señor Xesucristo, morto e resucitado por nós, presente no Sacramento, coas doces harmonías que brotarán do interior dos teus foles, tubos e ocultos segredos.”
Así reza a antiga bendición dos órganos de tubos das igrexas. Este é o profundo significado do Festival Internacional de Órgano de Lugo, nado para celebrar a festividade de Corpus Christi, festa que marca non só a vida da Diocese de Lugo, senón tamén a da súa Cidade.
Durante os 10 anos de historia do festival pasaron máis de 40 músicos internacionais, entre eles organistas, teclistas, instrumentos de corda, vento madeira, metal, coros e cantantes solistas. Interpretaron obras que abranguen desde o renacemento ata as últimas composicións de autores que aínda compoñen. As obras son de distintas procedencias e en distintos idiomas. Interpretáronse obras de orixe europea en latín, alemán, italiano, linguas eslavas e escandinavas, obras en inglés, en quechua e linguas precolombinas de américa latina. Unha especial mención ás obras pertencentes ao arquivo da catedral de Lugo, de autores como Xoán Montes, José Pacheco, Vicente García Juble, Moreno Fuentes e José Castiñeira.
Parte importante do festival é o público que durante estes anos foi crecendo e agrandando fronteiras. Numerosas personalidades civís, de ambientes culturais e artísticos que se converteron en grandes e asiduos amigos do festival. Destacar entre o público a Mons. D. Alfonso Carrasco Rouco que bendixo e apoiou o festival.
O protagonista indiscutible do festival é o órgano rei dos instrumentos, instrumento forte e potente e á vez doce e delicado, que con axilidade celebra a Xesucristo resucitado presente no Santísimo Sacramento.
ver mensaje
O Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo é xa unha das iniciativas máis importantes adicadas ao repertorio de órgano de toda a península. Nado vai dez anos, dende a súa primeira edición, o festival chamou a Lugo aos solistas europeos máis coñecidos e de maior renome. As finalidades do festival foron claras dende o principio. A primeira delas trátase do encontro entre solistas estranxeiros e as agrupacións musicais lucenses máis importantes. Cada ano a programación do festival propuxo concertos coa colaboración entre un dos solistas e unha das formacións máis antigas e activas de Lugo – este ano a soprano Noemi Mazoy, o grupo vocal Solo Voces, o Orfeón Lucense e o Cuarteto de metais Filarbrass da Filarmónica de Lugo – e músicos estranxeiros de soada fama. A satisfacción e o enriquecemento recíproco foron os resultados de tales encontros. Destes incluso xurdiu, en 2022, unha nova formación permanente, o Concentus Lucensis, cuxos compoñentes son os mestres e solistas principais de Solo Voces, do Orfeón Lucense e do Gruppo vocale S. Bernardo, agrupación italiana. Un dos propósitos do festival é a posta en valor do arquivo musical da catedral. Centro fundamental do Imperio romano e polo tanto da era cristiá, Lugo reuniu a través dos séculos, no arquivo da súa catedral, obras de notable importancia, ata os grandes mestres do século XX. O festival propón sempre, en cada edición, a interpretación de ao menos unha peza do arquivo, ofrecendo ao público un patrimonio precioso e aínda pouco coñecido. Outra acertada tradición do festival é o concerto caracterizado polo uso simultáneo dos dous órganos dos cales está dotada a Catedral de Lugo. En realidade, dispoñer de dous órganos próximos situados na tribuna era moi común nas catedrais españolas. Porén, hoxe en día é máis difícil atopar dous instrumentos en bo estado e coa mesma afinación. O repertorio para dous órganos constitúe un patrimonio musical fascinante e digno de ser redescuberto. Esta literatura consta de transcricións, sobre todo de páxinas para orquestra, e pezas orixinais de gran beleza. A cuarta finalidade do festival é a posta en valor dos lugares de culto artisticamente máis relevantes da cidade. O festival non só se limita a facer resoar á marabillosa Catedral, Patrimonio da Humanidade, senón que é levado tradicionalmente a outras importantes igrexas de Lugo. Este ano o festival ten programado un concerto na igrexa de Santiago A Nova e un na espléndida igrexa de San Pedro, recentemente restaurada. O Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo é ademais líder da iniciativa transnacional A Música do Peregrino. Trátase dunha rede de festivais internacionais de música, en España, Suiza e Italia. Estas iniciativas, ademais de compartir a dirección artística, teñen en común sobre todo a idea do camiño, aplicada en múltiples aspectos: dende o lado espiritual, ata o artístico e, por suposto, o musical. O Concentus Lucensis, conxunto vocal e instrumental con sede na Catedral de Lugo, é outro dos lazos que unen estes festivais. Cada ano, con motivo do Festival de Órgano do Corpus Christi, o Concentus presenta un gran proxecto musical, este ano a interpretación da Petite Messe solennelle de Rossini: a obra repítese despois ao longo do ano en Italia e Suíza, nas cidades tocadas polas iniciativas da rede de concertos.
ver mensaje
A delegación de Liturxia, relixiosidade popular e patrimonio histórico artístico da Diocese de Lugo, conta cun departamento de Música Litúrxica que se ocupa do correcto uso da música nas celebracións litúrxicas. Unha das ocupacións do departamento de música é o coidado do Festival Internacional de Órgano da Diocese de Lugo que este ano celebra a súa X edición. Dito festival, reúne artistas nacionais e internacionais durante a semana de Corpus Christi solemnizando esta festa. Así como se reza nas vésperas do martes da terceira semana do tempo ordinario, a arte consegue plasmar a beleza que procede de Deus facendo que aumente o gozo e a esperanza nos homes. O festival reúne nun mesmo cantar a persoas da diocese de Lugo, doutras dioceses e cantidade de peregrinos do Camiño de Santiago facéndolles gustar as xoias da tradición da música sacra nos seus distintos concertos.
ver mensaje
Desde 2016, e coa excepción do ano da pandemia, Solo Voces vimos participando no “Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi”, preparando con agarimo edición tras edición un repertorio novo marcado por dous propósitos: tentar mostrar a produción musical conservada nos arquivos musicais da diocese e facer soar composicións de tema eucarístico. Así é como tivemos a honra de mostrar ao público lucense, acompañados de insignes organistas internacionais, obras de mestres de capela da nosa catedral e músicos ligados á nosa cidade, cumprindo deste xeito un dos máis firmes propósitos do noso grupo, que é a divulgación do patrimonio musical lucense. Por iso desexamos mil primaveras máis ao noso festival de órgano!
ver mensaje
Non por casualidade o órgano está adquirindo notable presenza nas programacións dos concertos. Tradicionalmente, a Igrexa privilexiou sempre nas súas celebracións litúrxicas o órgano de tubos porque, como se aprecia na historia da música occidental, este instrumento emula a voz humana e proporciona un soporte harmónico ao canto. Isto explica que composicións como os salmos ou os himnos incrementen o seu vigor poético-espiritual se son acompañados polo órgano.
Concertos como os do Festival Internacional de Órgano do Corpus en Lugo, con dez anos de vida, gozan xa de gran predicamento O protagonista indiscutible do festival é o órgano rei dos instrumentos, instrumento forte e potente e á vez doce e delicado, que con axilidade celebra a Xesucristo resucitado presente no Santísimo Sacramento. Entre os lucenses afeccionados á música porque, ao ambiente espiritual dos templos, únense os cativadores efectos do instrumento vinculado durante séculos a estes monumentos, onde o órgano é tamén protagonista identificador do propio templo. E, aínda máis, esas impresións quedan redobradas na alma dos asistentes aos concertos se se suman as derivadas da palabra no canto.
Non hai que esquecer tampouco o peso que na formación musical e na sensibilización artística dos oíntes teñen estes concertos, moitos deles herdeiros dunha longa tradición de audicións litúrxicas, onde é posible advertir o estímulo creativo do instrumento para compositores de recoñecido prestixio como Johann Sebastian Bach, Antonio de Cabezón, Dietrich Buxtehude e tantos outros, e a rica e variada interpretación de afamados organistas que elevan a un segundo nivel artístico o potencial creativo dos diversos órganos. Na Catedral de Lugo tivemos a oportunidade e a honra de escoitar a algúns deles –especialmente no Festival de Órgano do Corpus– acompañados no canto por destacados solistas e por corais coas que o Orfeón Lucense comparte espazo musical na cidade de Lugo, entre elas, Solo Voces e Concentus Lucensis. Non faltaron tampouco na compaña musical do órgano solistas de vento e de corda.
Nos concertos de órgano só está o drama –no sentido etimolóxico do termo– entre o intérprete e o instrumento, un instrumento de talla sobrehumana, de voz case humana, co que se mide o organista para rescatar os seus mellores sons. Non é estraño por iso que nas pantallas do mundo dixital, que nos ofrece tamén o concerto, se recollan sobre todo as mans e os pés do organista, aquelas voando como a alma do espectador polas bóvedas do templo, estes estreitando lazos co opoñente musical –o órgano– nun esforzo titánico. Non hai posibilidade de distracción, desinterese ou deixamento: neste eixe que une tan ricas capacidades la música do órgano traspasa os fortes muros do templo e do ouvido humano.
20:45h Catedral de Santa María
Eugenio Maria Fagiani, órgano
Orfeón Lucense
Marcos Mosquera, director
20:45 h Catedral de Santa María
Felipe López, órgano
Solo Voces
Fernando G. Jácome, director
20:45 h Iglesia de Santiago A Nova
Noemi Mazoy, soprano
Giulio Mercati, órgano
20:45 h Catedral de Santa María
Mateusz Rzewuski, órgano
Fabio Ciofini, órgano
Filarbrass – Cuarteto de metales
de la Filarmónica de Lugo
Carlos López González, Juan Pablo
Riveros Quiroga, trompetas
Miguel García Díaz, trombón
Pedro Castro Gómez, trompa
20:45 h Iglesia de San Pedro
Concentus Lucensis
Alessandro Marangoni, piano
Mattia Marelli, armónium
Gioachino Rossini (1792-1868)
Petite Messe Solennelle
Praza de Santa María, 1
27001 Lugo
https://catedraldelugo.es
Calle de la Reina, 2
27001 Lugo
Praza da Soidade
27001 Lugo