Início / Menu Diócesis / Noticias

Formación laical en Monforte animada polo Sínodo


As comunidades de Monforte de Lemos decidiron acoller unha das ideas que saría nos grupos formados para o Sínodo: a necesidade de formación de laicos. Así, desde o pasado 21 de outubro está habendo encontros quincenais, que seguirán ata xuño e aos que asisten 25 persoas.

No primeiro encontro, dirixido polo sacerdote don Ramón Piñeiro, tratouse sobre as tres dimensións básicas da vida cristiá: Anuncio (Kerigma), Culto-sacramentos (Liturxia) e Compromiso (Diaconía); no segundo, celebrado o 4 de novembro, do diálogo-resposta evanxélica da Igrexa aos diversos tempos históricos, cuestión presentada por don Antón Negro.

O día 18 deste mes de novembro continúan as reunións co tema das tres vocacións na Igrexa e o específico da laical. Decembro será o mes adicado á Biblia; Xaneiro á dimensión social da fe; en febreiro tocaranse dous temas: a responsabilidade misioneira do bautizado-confirmado e a oración cristiá; Marzo centrarase na oración litúrxica da Igrexa, o ano litúrxico e o Triduo Pascual como eixo da fe; Abril, na catequese laical na comunidade cristiá; o mes de Maio será o da Antropoloxías contemporáneas (o home cibernético ou o home animal evolucionado) e Antropoloxía cristiá e o de Xuño será o da Liturxia e vida, contemplación e acción, Corpus e Cáritas. O último encontro servirá de revisión do aprendido, das necesidades descubertas e as propostas para o seguinte curso.