Nado en Saronno (Italia) Giulio Mercati comezou a estudar música aos seis anos da man do seu avó, o mestre Lamberto Torrebruno, membro dunha importante familia de músicos. Posteriormente completou os seus estudos de órgano, composición e clavicémbalo con distinguidos músicos. Giulio Mercati é extremadamente activo e apreciado como concertista: como solista ao órgano e ao clavicémbalo interpretou en máis de vinte países. Actuou nalgunhas das máis prestixiosas salas de concertos e catedrais, dende o Great Concert Hall da Philarmonic Orchestra en San Petersburgo ata a Catedral de San Patricio en Nova York. Tamén é activo como organista e continuísta en importantes formacións, traballando especialmente coa Orchestra della Svizzera Italiana, baixo a batuta de directores coma Alain Lombard, Vladimir Ashkenazy, Juraj Valcuha, Robert Trevino, Alexander Vedernikov, Heinz Holliger, Hubert Soudant, Howard Griffiths, Markus Poschner, Timothy Brock, Pablo González e moitos outros. Foi acompañado por importantes orquestras, tocando concertos para órgano e orquestra —dende Haendel ata Hindemith, Poulenc e Barber— como solista e moitas veces tamén como director. Gravou para a RTSI (Radio da Suíza Italiana), Dynamic-Naxos, Bottega Discantica e Tactus.
É director do Grupo Vocal San Bernardo e organista residente na igrexa de Santa María degli Angioli en Lugano e no Santuario della Beata Vergine dei Miracoli en Saronno. En 2019 gravou un CD, adicado completamente ás súas composicións, publicado por Tactus e titulado Giulio Mercati: Interrogatorio a Maria and other sacred works (dispoñible en Amazon, iTunes, Spotify, etc.). En 1996, Giulio Mercati graduouse en Filosofía na Università Cattolica del Sacro Cuore de Milán, cunha tese sobre estética musical. É un apreciado musicólogo e conferenciante. Como musicólogo traballou para o Teatro alla Scala, a Orchestra Verdi, o Festival MiTo, o Festival Milano Musica e outros importantes festivais de música. É director artístico, e incluso creador, de prestixiosos festivais internacionais en Italia, Suíza e España. É profesor de Historia da música sacra na Facultade de Teoloxía de Lugano. É cofundador e director do Curso de Música Litúrxica, organizado pola Diocese de Lugo (España). Nestes meses, dende xullo de 2021, está a preparar a súa tese doutoral en Teoloxía, un estudo sobre o estado do canto litúrxico nas Dioceses de Milán e Lugano, comparado coas ensinanzas do Magisterium e a historia do canto cristián. Dende agosto de 2021 está a cargo dos eventos organizados pola Diocese de Lugo.