Início / Menu Diócesis / Noticias

Homilia do Bispo de Ourense na misa da Ofrenda ao Santísimo 2023


Sr. Bispo de Lugo, benquerido D. Alfonso.

Sr. Arcebispo de Santiago de Compostela.

Sr. Bispo de Tui-Vigo.

Sr. Arcebispo emérito de Santiago.

Quixera facer tamén presente ao Sr. Bispo de Mondoñedo-Ferrol, que tiña proxectado estar con nós neste día, pero debido ao pasamento de seu pai atópase lonxe de nós, mais sentímolo preto, tanto a el coma a súa nai e a toda a súa familia, e témolos presentes nesta Eucaristía.

Sr. Deán e Cabido desta Catedral-Basílica de Lugo.

Meus benqueridos sacerdotes.

Excmas. e Ilmas. Autoridades

Irmáns e irmás

Sr. Oferente, Alcalde da moi leal, xenerosa, acolledora e cálida cidade de Ourense que en representación das sete cidades do Antigo Reino de Galicia e de todo o pobo galego lle puxo voz a esta ofrenda ao Santísimo Sacramento.

Fai tan só un momento resoaron nesta fermosa e antiga catedral basílica do Sacramento as mesmas verbas do Señor Xesús que nos lembrou: Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo (Xn 6, 51).

Vivir para sempre, para sempre! Este é o desexo que dende o comezo desta historia estivo e está presente no corazón do ser humano dende que existe sobre este mundo. Un desexo sempre insatisfeito a pesar dos grandes avances da técnica e do progreso. Para sempre! Este foi un desexo para as persoas singulares pero, tamén para os pobos, de aí que nun dos primeiros libros da Biblia se nos lembra como aquel dirixente, ao mesmo tempo político e relixioso, se dirixe ao pobo e lle di: Ti es un pobo consagrado ao Señor, teu Deus. O Señor, teu Deus, escolleute para ser o pobo da súa persoal propiedade entre tódolos pobos que viven sobre a superficie da terra (Dt 7, 6).

Estas verbas resoan con especial intensidade esta mañá en cada un de nós porque tamén Galicia, o seus pobos e súas xentes foron escollidas por Deus dende hai moito tempo para ser un pobo consagrado a Deus. Non temos máis que contemplar a nosa xeografía galega e darnos conta de que toda ela está percorrida por mosteiros, santuarios, ermidas, parroquias e fermosas catedrais, coma esta que nos acolle neste día tan sinalado, que están cargadas de historia e de piedade. E non só iso, podemos facer un percorrido polas costumes relixiosas dos nosos pobos e das súas xentes e darnos conta que ata na máis humilde das parroquias, perdidas na xeografía desta querida terra, atopamos como se estivese metida no ADN do corazón dos homes e mulleres destes pobos, mesmo daqueles que poden definirse como indiferentes ou agnósticos, a festa ao Santísimo Sacramento: a festa do Corpus Christi. Por outra banda, a bandeira da nosa Autonomía é a única, de todas as existentes, que no seu corazón garda o testemuño do seu ser eucarístico. E este feito non é excluínte senón todo o contrario, é un signo do amor de Deus por este pobo e, o que tamén é moi significativo, constitúe un símbolo da unidade de todo un pobo, independentemente das súas opcións políticas e ideolóxicas. Cando os nosos antepasados constituíron este emblema que dende hai anos se converteu nunha realidade de moita significación, fixérono, polo menos xa dende mediados do século dezasete, e temos a certeza de que ese costume funde a súas raíces en datas que veñen de moito máis atrás. Esa presenza é un signo da fidelidade de Deus co noso pobo e ao mesmo tempo unha invitación para que saibamos descubrir que debemos camiñar a través de todo aquilo que fai humano aos fillos e fillas destas terras, porque só quen camiña a través do home chegará a Deus. Traballar por unha sociedade xusta, sa, solidaria e co corazón aberto a todos os pobos é sempre un bo proxecto, poderíase dicir que é o grande proxecto que nos coloca a todos nese camiño de eternidade.

Sr. Oferente, comprendo o sentido que lle deu á renovación dun voto feito polos rexedores das sete cidades máis importantes do Reino de Galicia, hai varios séculos. Facendo memoria histórica agradecida e autenticamente viva, suplicou ante o Señor Sacramentado polas novas corporacións municipais e provinciais, para que os homes e mulleres elixidos polos cidadáns non perdan a perspectiva da súa nobre vocación política que está encamiñada á edificación da cidadanía e a unha adecuada actividade, en liberdade, do ser humano, por iso é polo que cando os que se dedican a ela non a viven coma un servizo á comunidade, esta actividade pódese converter nun instrumento de opresión, marxinación, corrupción e mesmo de destrución –así se manifestaba o Santo Pai Francisco-; por iso é polo que tomar en serio a política nos seus diversos niveis – local, rexional, nacional e mundial – é afirmar o deber de cada persoa, de toda persoa, mesmo daqueles aos que parece que non se lle presta atención como son os pobres, os migrantes, os desfavorecidos, os máis vulnerables. Toda persoa debe coñecer cal é o contido e o valor da opción que se lles presenta e segundo a cal se busca realizar colectivamente o ben da cidade, da nación, da humanidade na que se habita e da que se forma parte.

O Papa Francisco lembra que o exercicio da cidadanía e a participación na política son unha obriga moral (cf. Evangelii gaudium 220). O Santo Pai realiza unha hermenéutica social da parábola do bo samaritano (cf. Lc 10, 25-37), chegando a manifestar que este texto bíblico é unha invitación a todos, orientado a que rexurda a nosa vocación de cidadáns do propio país e do mundo enteiro, como construtores dun novo vínculo social (cf. Fratelli tutti 66).

Os nosos antepasados souberon descubrir na presenza deste Señor Sacramentado a forza e o impulso para construír unha cidade libre e unha sociedade xusta e fraterna. Á luz da Eucaristía, xa dende o primeiro momento do despregamento da forza e do dinamismo do Evanxeo no mundo, xurdiron obras de solidariedade humana, de beneficencia, do exercicio concreto do que viñemos chamando Cáritas ata a actualidade.

Dende a perspectiva da fe, neste día, cobran unha forza especial as palabras do Evanxeo que acabamos de proclamar nesta liturxia de acción de grazas: Eu bendígote, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llelas revelaches aos pequenos (Mt 11, 25-30).
Nunha sociedade como a nosa que tantas veces busca o extraordinario, o fantástico, a rendibilidade numérica, para abrir a nosa existencia á transcendencia, é imprescindible buscar o camiño do pequeno, porque é este o camiñar que escolle Deus para entrar en relación connosco; así nolo lembra a súa Palabra neste día: O amor de Deus fíxose ver entre nós en que Deus mandou ao mundo a seu Fillo Unixénito, para que nos dese a súa vida (1 Xn 4, 7-16). Xesús Cristo fíxose presente na historia da humanidade asumindo a nosa propia condición humana e puidémolo contemplar coma un neno que acaba de nacer, máis tarde, coma un gran mestre de vida, e despois da súa paixón e morte contemplámolo vivo e glorioso no misterio da Eucaristía. Este misterio foi firmemente crido e profesado polos que nos precederon e nos legaron o testemuño dunha fe que se fixo presente na nosa terra a través da vida e do testemuño coherente desa fe no Crucificado- Resucitado que marcou un antes e un despois na nosa historia. Que O noso Señor Xesús Cristo, presente dunha maneira viva na Eucaristía, acolla todos os proxectos e desexos que hoxe aquí se expresaron, e tamén aqueles que todos gardamos no noso corazón, e que, unha vez máis, nos axude a redescubrir, coa forza do seu Espírito, que a clave de todos os nosos éxitos se atopa en saber acoller o grande consello deste Señor Sacramentado: Amémonos uns aos outros, porque o amor vén de Deus; e todo aquel que ama naceu de Deus e coñece a Deus. O que non ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor…por iso…Se nos nos amamos uns aos outros, Deus está en comuñón connosco e o seu amor faise realidade cumprida en nós (1Xn 4, 7-16).

Estas palabras saíron da boca do mesmo Señor que hoxe contemplamos diante de nós na súa presenza eucarística, e esas palabras que se fixeron carne en tantos dos nosos antepasados fixéronos descubrir qua clave da política de Deus – se se me permite falar así – está sintetizada neste pensamento que segue a ser perennemente actual: ama e fai o que queiras, porque se é o amor de Deus o que guía os teus pasos, realizarás grandes empresas.

Que así sexa!

 

+Mons. Leonardo Lemos Montanet