HOMILÍA EN RESPOSTA Á OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA AO SANTÍSIMO SACRAMENTO

Lo último del obispo


Excelentísimo Sr. Oferente,
Queridos irmáns no Episcopado,
Ilustrísimo Cabido Catedral
Queridos irmáns sacerdotes e membros de institutos de vida consagrada
Excmas. e Ilmas. Autoridades,
Queridas irmás e irmáns no Señor,

Conforme á antiga tradición, celebramos de novo nesta Catedral Basílica de Lugo a Oitava da festividade de Corpus Christi coa solemne Ofrenda ao Santísimo Sacramento feita este ano pola cidade da Coruña en nome das sete cidades do Reino de Galicia, e logo en nome de todo o seu pobo. Moitas grazas, Sr. Oferente!
Na luz que brilla día e noite ante o Santísimo, motivo primeiro desta nobre tradición –como Vostede recordaba–, represéntase a luz do corazón e a dos ollos de cada un de nós, que permanece viva ao reflectir a gloria que recoñecemos en Xesús Sacramentado, escondida aos soberbios e resplandecente para os humildes.
Aquí profesamos con firmeza as certezas do noso corazón, sobre as que construímos a vida e nas que fundamos a esperanza: Ti estás con nos, Señor, da maneira máis real e verdadeira, dándonos o teu Corpo e o teu Sangue, como unha compañía de profundidade descoñecida, dunha fidelidade plena.
Esta é a nosa confianza: non estamos sós. Con nos habita e vive Aquel que fixo a beleza dos nosos campos e dos ceos, que nos da e sostén a vida como Pai por sempre, e que quere co seu amor e a súa presenza espertar cada día a nosa alma, ver agromar e florecer en nós a caridade e unha sinxeleza fraterna que non engana.
A presenza do Señor, adorado aquí permanentemente no Santísimo Sacramento, é luz e esperanza no noso camiñar. Pois contemplándoo resoan con forza no noso íntimo aquelas verbas do apóstolo Paulo: se Deus está connosco, quen contra nós? … Quen nos pode arredar do amor de Cristo? A tribulación, a angustia, a persecución, a fame, a nudez, o perigo ou a espada? En todo isto somos vencedores en Aquel que nos amou (Rm 8,31.35.37).
Pedímoslle hoxe ao Señor que esta paz reine nos nosos corazóns, e que a luz e a ledicia da súa presenza acompañe os nosos pasos neste tempo de pandemia, de enfermidade e inquietude. Que ninguén de nós, pequeno ou grande, novo ou vello, caia na tentación de darse por perdido pola dificultade das circunstancias e nin sequera ante a perspectiva da morte. Porque, como dicía Paulo, estou seguro de que nin a morte nin a vida … nin criatura algunha nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor (Rm 8,38-39). Esta seguridade grande confórtanos nas loitas de cada día e permítenos pensar con esperanza en aqueles que nos deixaron. A nosa comuñón, a que celebramos no Altar, a comuñón dos santos, vai máis alá da morte. Este é tamén o froito propio do gran misterio da Eucaristía: Non nos perdemos uns aos outros, porque quen come deste pan vivirá para sempre (Xn 6,58); e aínda sendo nós moitos, formamos un único corpo, pois todos participamos dun único pan (1Co 10,17).
A este Amor divino queremos volver agora os nosos ollos, pois en Xesús Sacramentado contemplamos a quen se sacrificou e chegou ata a cruz por nós, a quen se entregou polos nosos pecados, para quitar o pecado do mundo.
É unha interpelación grande: existe o pecado, que vemos xurdir do fondo do corazón, que non respecta a vida máis indefensa nin ao próximo, que desfai o máis valioso que temos, que arruína o mundo. Existe esta soberbia que pode aniñar en nós, a avaricia, a mentira, o egoísmo, a indiferenza incluso ante o sufrimento alleo.
O pobo de Galicia quixo gardar o contrario no seu corazón, ter a Eucaristía sempre diante dos ollos. Propúxose alimentarse deste outro pan de vida, que a propia humanidade fose movida por outros afectos, capaz doutras virtudes, fose boa e xenerosa. Neste tempo de crise puidemos ver en moitos exemplos a grandeza de quen se sabe sacrificar, de quen ama, de quen entrega tempo e ata a saúde –paga co propio corpo. E puidemos recordar que isto sempre foi así, que estas foron as grandezas verdadeiras que fixeron dignas as nosas casas e cidades, que iluminaron a vida das nosas familias, e que desexamos poder experimentar de novo con todos os que queremos de verdade. Estas son as bases do noso futuro, os recordos luminosos da nosa memoria, a nosa alegría e o noso desexo cada día.
O sacrificio do Señor, presente na Santísima Eucaristía, atravesa os séculos, segue a confortar o noso corazón dolorido, continúa a encher de agradecemento e humildade a nosa alma, non deixa de atender e coidar a cada un, para cambiarnos, enriquecernos e chamarnos á obra da caridade.
Ninguén é pouca cousa, se é amado do Señor. Ninguén pode ser descartado como pouco útil, tampouco quen sofre de enfermidade quizais crónica ou incurable, tampouco quen non vai poder traballar ou quen ao mellor necesitará en adiante axuda e atención, e por suposto tampouco quen se acerca xa aos seus últimos días nesta terra.
Que esta Ofrenda en prol da luz do Santísimo Sacramento sexa ben acollida por Noso Señor. Que El faga que se manteña acesa tamén nos nosos corazóns, que nos ilumine nas decisións difíciles e nos guíe nos pasos sacrificados, que luza especialmente nas nosas escuridades e nos momentos en que os nosos seres queridos, e nós mesmos, deixemos este mundo.
Que Xesús Sacramentado bendiga neste día abondosamente a Vde. Sr. Oferente e a súa familia, á Coruña e a todas as cidades e pobos do Reino de Galicia, e a cada un de nós. E que nestes tempos difíciles nos acompañe a intercesión dá súa Nai e a nosa Nai, a Santísima Virxe María dos Ollos Grandes.
Que así sexa.

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March