HOMILÍA EN RESPOSTA Á OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA AO SANTÍSIMO SACRAMENTO (GAL)

Lo último del obispo


Excelentísimo Sr. Oferente,
Queridos irmáns no Episcopado,
Emmo. Card. Arcebispo de Madrid, Presidente da CEE
Ilustrísimo Cabido Catedral
Queridos irmáns sacerdotes e membros de institutos de vida consagrada
Excmas. e Ilmas. Autoridades,
Queridas irmás e irmáns no Señor,

Dende os inicios mesmos da fe cristiá, percibiron os crentes o esplendor da presenza daquel que viñera ao mundo nacendo do seo da Virxe María, concibido por obra do Espírito Santo. Amárona e defendérona contra as obxeccións e as especulacións de poderosos e intelectuais que, aínda que cristiáns, pensaban segundo a sabedoría do mundo da súa época, sometían a fe ao que lles parecían esixencias irrenunciables da gran filosofía grega.
Pero a fe sinxela soubo sempre salvagardar, xa dende aquela gran crise arriana, o máis esencial: en Xesús é Deus mesmo, é o Fillo de Deus quen nos amou, quen se fixo o noso igual e deu a súa vida na cruz para salvarnos. Máis tarde, en contexto diverso, propoñerá San Agustín esta mesma intelixencia da fe, advertindo: este é o horrible e oculto veleno do voso erro, que pretendedes facer consistir a graza de Cristo no seu exemplo, e non no don da súa Persoa1.
A encarnación do Fillo, o don da súa Persoa é a perla preciosa, a sabedoría escondida dende o principio dos séculos en Deus2 e revelada agora para a nosa gloria. En Xesús están encerrados todos os tesouros3: a gratuidade, o amor, o sacrificio, a comuñón, as arras da vida eterna. Coa súa Presenza véñennos todos os dons; pois Aquel que non reservou o seu propio Fillo, senón que o entregou por todos nós, como non nos dará todo con él?4.
Esta fe esencial, revelada polo Pai aos pequenos e escondida aos sabios e entendidos5, permanecerá sempre na historia. E será sempre defendida polos fieis. Isto é verdade de forma particular en Lugo, onde, dende que conservamos memoria, o ímpeto do corazón busca defender quen é Xesús e o misterio inmenso do don da súa Persoa, que El fixo explícito e perenne na Última Cea. A nosa Catedral Basílica, por providencia divina, é como un monumento a esta fe sinxela, que só sabe abandonarse e que só quere adorar ao Deus que é o "Amor dos Amores", a Xesús Sacramentado.
A presenza do Señor, que está connosco todos os días e que contemplamos no Santísimo Sacramento, ilumina toda a nosa humanidade, renovándonos cun alento de verdade e de amor. Ante El, o mellor de nós mesmos florece: o afecto polos nosos seres queridos, a certeza do destino bo da propia vida e o amor aos irmáns. Tamén o sentido da xustiza, o respecto ante a dignidade e os bens fundamentais dos demais, sálvanse e fortalecense así; pois as tentacións do egoísmo, da deshonestidade e a indiferenza, quedan vencidas unha e outra vez cando se está preto de Cristo na Eucaristía.
Nestes días, en que a proximidade e a atención ao que sofre e ao necesitado é unha urxencia evidente na nosa sociedade, necesitamos de novo algo máis que un exemplo ou que un simple ensino sobre os nosos deberes. Necesitamos a presenza amiga de Aquel que, entregándose por nós, nos testemuñou o amor máis grande, espertando o noso ser a unha fe e a unha esperanza viva en Deus. Necesitamos renovar cada día a nosa mente, os nosos anhelos de verdade e de xustiza, permanecendo en comuñón con Xesús, que quixo asumir a nosa natureza humana, para liberarnos do mal. Brotará así sempre de novo o milagre da verdadeira comuñón dos irmáns, na que cada un encontre unha man fraterna nas seus necesidades6.
O esplendor da presenza de Cristo brilla sobre o rostro dos crentes: Todos nós, coa cara descuberta, reflectimos a gloria do Señor e ímonos transformando na súa imaxe con resplandor crecente7. É unha luz de fe e de esperanza, un manancial inesgotable de gratuidade, de capacidade de sacrificio, de amor aos demais, de caridade que non pasa nunca8. Na súa Presenza, somos, en verdade e para sempre.
Por iso, a nosa fe ve na humildade escondida do sacramento da Eucaristía a sabedoría e o amor máis grande, o ben máis sagrado, o corazón mesmo do mundo. É certamente unha Presenza escondida, pero aberta a quen saiba valorar este Amor máis que todas as riquezas do universo, e descubrir ao mesmo tempo con estupor que tamén a nosa persoa vale para El máis que todas as riquezas e merece todos os sacrificios.
A fe verdadeira, que percibe o esplendor profundo desta Presenza imprescindible, buscou sempre expresar o propio amor no modo de acoller e adorar este misterio. Dende os inicios da súa historia, Lugo e Galicia fixérono na Capela maior desta Catedral. Coa Ofrenda destinada a manter perpetuamente viva neste altar a luz das velas, facemos un xesto pequeno de recoñecemento e de acción de grazas a Xesús Sacramentado, a quen só se pode responder axeitadamente co amor e a entrega de todo o corazón.
Admirando a beleza restaurada desta Capela maior, dedicada polos nosos pais ao enaltecemento da divina Eucaristía, recordamos que a nosa arte, nos seus mellores logros e nos seus materiais máis valiosos, non pode realmente expresar a gloria que latexa no Sacramento. Pero non podemos deixar de manifestar o afecto profundo da nosa fe, aínda que os nosos medios non se adecúen á grandeza do seu don e da súa Persoa. Correspóndense, en cambio, coa nosa pequenez, co noso modo de ser e a nosa sensibilidade.
Así pois, co máis belo da nosa arte, con toda a alma, damos grazas ao Deus feito home; e procuramos facer visible aos nosos propios ollos o esplendor da súa Presenza, para gardar memoria viva de El, de Xesús o noso Señor, de modo que a luz da súa gloria permaneza e brille sempre nos nosos corazóns.
De todo iso é un eco vivo a tradición da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que atravesa os séculos.
Que esta Catedral e a cidade de Lugo, que toda Galicia poida conservar para sempre, por providencia divina, o privilexio inmenso de enraizar a súa identidade e a súa historia no Misterio da fe, escondido dende antes dos séculos e revelado polo Pai aos sinxelos.
Que o noso futuro se constrúa así sobre rocha, sen medo aos ventos e as tempestades da nosa época, e rico de caridade verdadeira, pola que abunde a xustiza e a paz nas nosas cidades e para o noso pobo.
Pedimos hoxe aquí a Xesús Sacramentado a graza desta fidelidade e firmeza do corazón -expresada no noso lema: hic hoc mysterium fidei firmiter profitemur- e a de Súa proximidade e protección constante, para Vd. Sr. Oferente e a súa familia, para Lugo, para as cidades e pobos do Antigo Reino de Galicia, e para cada un de nós. Que tamén nestes tempos difíciles poidamos gozar todos da certeza e da alegría da Súa presenza real, do tesouro da súa amizade e da súa graza, por intercesión da súa Nai e a nosa Nai, a Santísima Virxe María dos Ollos Grandes.

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March