Queridos irmáns,
a Misa Crismal que hoxe temos a graza de celebrar xuntos, nesta Santa Catedral Basílica, introdúcenos de novo no misterio da Unción e da Comuñón, que é dalgún xeito o do noso ser sacerdotal.
A Comuñón que temos entre nós e na Igrexa toda xorde como obra propia de Xesús de Nazaret, o Unxido de Deus, Cristo. Porque existe Xesucristo, existe a nosa fraternidade e o noso ser sacerdotal. El é a nosa Cabeza e Pastor; El fai posible o que somos e o que esperamos.
As lecturas desta Eucaristía fálannos en primeiro lugar de El, de Xesús e da súa Unción, na que se cumpren as expectativas do seu pobo, dos que camiñan na terra na pobreza e os sufrimentos, pero tamén no desexo de xustiza, de vida, de paz e felicidade.
En Cristo a salvación e o Reino de Deus fanse presenza plenamente humana na historia, de modo que os homes podemos participar da súa novidade. Dende entón a fe non puido xa ser erradicada do mundo, vencida polo cinismo da vida ou a violencia do poderoso, nin a esperanza puido ser apagada por ningún cúmulo de sacrificios, de sufrimentos ou de inxustizas; e o ardor do corazón, a caridade, fundada no abrazo do Señor, guía e indica sempre, como a sabedoría máis profunda, os pasos a dar en calquera momento e circunstancia.
O Reino latexa xa neste mundo, actúa, faise presente nun novo coñecemento do Pai e do seu enviado, Xesucristo, e no seu Espírito de amor, no que podemos imitar ao que chegou ata a cruz, dando a vida polos seus amigos e polos que aínda eran os seus inimigos, vencendo todas as tentacións do mundo, para afirmar a verdade e o ben ao que estaba destinado polo Pai todopoderoso o máis pequeno ou afastado dos seus irmáns.
Nós somos enviados a anunciar este Evanxeo, é dicir, as riquezas ofrecidas aos homes polo Pai en Xesucristo morto e resucitado, como ministros da comuñón con El. A verdade de Cristo, da súa Persoa e da súa misión, é o fundamento da verdade do noso ser sacerdotal e da nosa misión.
Non poderiamos deixar de anunciar o Evanxeo, sen renunciar ao máis querido: á fe do corazón e á afirmación do valor definitivo da vida de cada un, tamén ou en especial do pequeno, fráxil, enfermo, sufridor; ao amor de Deus como fundamento real das cousas, e como lei verdadeira da existencia, coñecido e recibido na misericordia entrañable do Señor; á esperanza que axuda a loitar xeración tras xeración polo ben, a verdade e a xustiza, na certeza da salvación definitiva. E perderiamos a alegría dunha relación nova, dunha unidade nova entre os homes, experimentada de modo particular como sacerdotes e pastores cada día cos propios fieis.
Esta é a grandeza do noso ministerio, que non podemos negar; porque non provén de nós -vasillas de barro- senón do Evanxeo, do que depende o destino dos homes e dos pobos. A tempo e a destempo, co vento a favor e co vento en contra, debemos seguir anunciando ás nosas xentes e ás nosas parroquias a Boa Nova do Señor.
2. A chegada do Reino de Deus, destinada a transformar a nosa terra segundo o designio do Pai, ten históricamente a forma da acollida do Unxido, é dicir, da fe en Cristo, na súa Persoa e na súa misión; e realízase no seguimento e a comuñón con Él, no modo establecido por El mesmo e que culmina na Última Cea.
Por iso, a Eucaristía, o sacramento da comuñón do home con Cristo, é a fonte e o culmen de toda a vida cristiá, e, polo tanto, o centro da tarefa sacerdotal. Pero tamén é moi especialmente o corazón da vocación e da vida do sacerdote.
A conciencia desta comuñón co Fillo feito home, con Xesucristo, é imprescindible para comprender e vivir a misión sacerdotal. Non é concibible humanamente un presbítero sen esta vinculación co Señor, obxectivamente dada na imposición de mans. Diso facemos memoria nesta Misa crismal, e renovamos ao mesmo tempo as promesas con que cada un recibimos a unción sacerdotal; porque esta vinculación co Señor só é posible grazas tamén ao asentimento da propia liberdade, que se adhire radicalmente á persoa de Cristo.
O amor a Xesucristo -e en El ao Pai- é o corazón vital de toda vocación e ministerio sacerdotal. A fe en El, a adhesión á súa Persoa histórica, a comprensión da súa misión salvadora e da comuñón que ofrece, é imprescindible para poder exercer o ministerio con ímpeto apostólico, coa convicción que vén da intelixencia e mobiliza as forzas da vontade.
De aquí xorde a forma propiamente presbiteral da santidade, da perfección na caridade -á que están chamados en diferentes modos todos os cristiáns. Esta tensión "apostólica", a conciencia de ser elixido, de permanecer no amor do Señor e de ser enviado por Él, forma parte intrínseca do sacerdocio neotestamentario; sen esta conciencia, o núcleo sacramental da orde sagrada non desprega a súa identidade, nin o ministro ofrece en verdade o seu testemuño propio no medio da Igrexa e ante os homes.
3. A nosa vocación é a de ser testemuñas autorizadas do Evanxeo e principio obxectivo da unidade dos fieis, e non podemos desmentila coa nosa vida. O anuncio da comuñón, da que provén e vive sacramentalmente o presbítero, non pode non determinar tamén a forma da súa existencia. Debemos ser "modelos do rabaño", e non déspotas que o tiranizan ou explotan, actuando con criterios de poder meramente humanos.
O noso ministerio é comunional na súa mesma natureza: brota do permanente recibir o don de Cristo e a comuñón con Él, e de participar na misión que Él encomendou aos apóstolos e aos seus sucesores. Non nos podemos concibir de modo individualista. Un ministerio non eclesial, vivido non eclesialmente, contradí a súa propia identidade.
Sabemos que quen rompe a comuñón da Igrexa carece nesa mesma medida de autoridade real e a súa misión non goza de credibilidade ningunha. E, do mesmo modo, o ministerio exercido en nome de Cristo e da súa Igrexa, manifestado na forma da vida, na fraternidade presbiteral real, na unidade co Bispo, no sentido de pertenza á propia Igrexa, é percibido polos fieis como máis auténtico e máis fecundo.
A unidade, a comuñón, é a nosa casa: vimos e vivimos da comuñón que nos ofrece o Señor misericordioso; e é tamén a nosa meta, a obra que construímos con pedras vivas, animadas polo amor. Por iso a pertenza e a unidade eclesial, a comuñón fraterna, é o único criterio de acción posible, o método que debemos aplicar nas diferentes circunstancias e desafíos pastorais, o testemuño que debemos dar sempre. E será tamén o noso consolo e o noso descanso: que dozura, que delicia, convivir os irmáns unidos! (Sal 132)
A Virxen María é Nai dos sacerdotes. Que Ela interceda por nós, os seus fillos, para que permaneza sempre viva nos nosos corazóns a alegría da nosa vocación. E que o Señor Xesús, pola súa misericordia, nos dea a todos a paz e a bendición prometida ao servidor bo e fiel.
+ Alfonso Carrasco Rouco, Obispo de Lugo