Na tarde deste pasado 17 de abril, inaugurouse na Catedral de Lugo a exposición "Semana Santa, tradición secular".
No acto interviu o Vicario Xeral da Diocese e Deán, Mario Vázquez, quen lembrou que esta mostra "é a primeira actividade que acolle o claustro catedralicio tras un ano de obras de restauración". Pola súa banda, o coordinador xeral da Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta, destacou a "emotividade" da mostra ao recoller a historia das confrarías a través das fotografías, hábitos ou insignias expostos. A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, encargada de pechar o acto, asegurou que "esta exposición dá proxección á Semana Santa lucense en Galicia e norte de Portugal".
A mostra "Semana Santa, tradición secular" pode visitarse durante os meses de abril e maio, de luns a sábado, de 09.30 a 18.30 h.