Lucense Eucharisticum Centrum

Lo último del obispo


Conscientes da nosa rica tradición, pero tamén de que a renovación da vida cristiá e eclesial pasa necesariamente pola profundización e maior vivencia da Eucaristía, o Bispo de Lugo, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco creou o Lucense Eucharisticum Centrum (LEC), institución diocesana destinada á promoción da fe na Eucaristía, en palabras do noso Bispo:

“O moi antigo privilexio da Exposición permanente na nosa Santa Igrexa Catedral, segue lembrándonos, tamén hoxe, como a fe verdadeira en Xesucristo, na Encarnación do Fillo de Deus e na súa obra de salvación, alcanza a súa expresión plena na acollida e a adoración do seu Corpo e o seu Sangue, realmente presentes no Sacramento da Eucaristía. A urxencia de preservar esta fe en Cristo nas nosas comunidades, xunto co amplo ensino do maxisterio recente sobre este Sacramento Santísimo, fainos máis nítida a percepción da riqueza e da responsabilidade que significa este gran tesouro que gardamos no corazón de nosa Igrexa”

O Lucense Eucharisticum Centrum foi erixido polo Bispo de Lugo e aprobados os seus estatutos o 8 de novembro de 2011. Quere este centro recoller o legado e a especificidade da tradición eucarística lucense e promover, enaltecer e dignificar a fe e o culto eucarístico, así como dar a coñecer a reflexión e orientacións do Maxisterio sobre a Eucaristía.

O Lucense Eucharisticum Centrum desenvolve unha tarefa multidisciplinar desde os ámbitos da reflexión teolóxica, pastoral, litúrxico-celebrativa e histórica-artística.

 

A súa finalidade e obxectivo é:

1. Servir á fe en Xesucristo presente na Eucaristía, recollendo o legado e a especificidade da tradición lucense nunha reflexión multidisciplinar sobre a eucaristía.

2. Promover, enaltecer e dignificar a fe e culto eucarísticos na vida diocesana.

3. Dar a coñecer a abundante reflexión do Maxisterio sobre a Eucaristía.

4. Ofrecer un punto de referencia na reflexión teolóxica e a promoción da fe eucarística máis aló dos límites da Diocese, por medio de publicacións e eventos de relevancia supradiocesana.

5. Promover actos culturais relacionados co culto e a fe eucarística a través da música, a literatura, a imaxinería ou a ourivaría.

 

Se de algo sentimos orgullosos os lucenses é da profesión firme da fe na presenza real de Xesucristo na Eucaristía ao longo dos tempos. Somos herdeiros dunha viva e rica tradición que vén do Señor, pero cada xeración, cada crente, volve e ha de volver sempre sobre a Eucaristía, porque volver sobre ela é volver sobre Xesucristo. A fe eucarística é en primeiro lugar fe cristolóxica. Esta fe é crida, e por tanto ha de ser pensada, porque a fe cristiá e os seus contidos sempre pasan polo camiño da razón.

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March